Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Gussy, presidente do Club Billar Snooker: “O snooker é unha actividade diferente que dinamiza Sarria”

Por 12 Marzo, 2023Marzo 13th, 2023Sin comentarios

O presidente do Club Billar Snooker Sarria, Juan Pedro Durán, máis coñecido como Gussy, está xa no Campionato de Europa Absoluto de Snooker da EBSA (Federación Europea de Billar e Snooker) que ten lugar en Malta desde este domingo, 12 de marzo, e ata o 18

Falamos con Juan Pedro Durán López, máis coñecido como Gussy, presidente do Club de Billar Snooker Sarria.

Como xurdiu a idea de crear este club?

É de recente creación, en agosto de 2022 dimos o paso e presentámolo oficialmente na corporación municipal co alcalde e o concelleiro de Deportes.

Eu estou relacionado co billar desde hai anos, xa que competía en billar como un hobby en categoría alta.

O pool americano de Sarria tivo unha época boa de xente que participaba e gozaba e competía a nivel galego e nacional en bares da man da Asociación Galega de Pool.

Esta disciplina vai decaendo, houbo xogadores como eu que seguimos competindo, pero por distintas circunstancias eu fágome cunha mesa propia de snooker e a partir de aí xorde a idea.

A miña idea foi apoiada por outros xogadores que dicían de montar un club e a intención foi ter un sitio, tanto os que seguimos xogando como os demais cidadáns, de gozar do brillar nas dúas vertentes: pool americano e snooker.

Así, a mesa de snooker púxena eu e a de pool é de Diego Rey, que ademais é xogador de fútbol na SD Sarriana.

Agora, estamos instalados na antiga fábrica feculera propiedade do Concello de Sarria, que nola cedeu e nos apoiou no noso proxecto.

Que é o snooker?

O snooker é a modalidade raíña do billar. Igual que as artes marciais ten varias vertentes, como o karate, o judo, o aikido… O billar tamén, as máis relevantes son o pool e o snooker e, desas dúas, o snooker é o máis profesional. Tanto é así que este deporte é o máis visto na cadea televisiva Eurosport.

A mesa de snooker é case catro veces máis que unha de billar que te atopas nun bar. É de 2 metros por catro metros e para poder xogar nela necesitas un espazo perimetral grande para moverte, sobre un 50 metros cadrados.

A medición oficial da mesa de snooker é de doce pés, pero ten oito patas, non 12, que a xente ás veces confúndese.

A mesa de snooker é un luxo, en toda Galicia hai tres mesas, unha en Sarria, outra en Teo e outra nun bar que cobra 15 euros a hora.

Que se fai no Club de Billar Snooker Sarria?

Só temos dúas mesas, polo que non podemos traballar como outros clubs que teñen máis mesas e captan socios e poñen diñeiro, porque cando chegan dúas persoas xa se solapan. Aquí da forma na que se pode vir participar é como unha escola deportiva na que alguén vén a clases acompañada dun monitor e a unha hora determinada.

Cóbrase só 5 euros de clase de hora e media personalizada na modalidade que ti queiras: reservar o día que o ti queiras á hora que queiras, de luns a venres.

Eu son o encargado de impartir esa clase de especialización para mellorar a técnica dos xogadores, que non veñen xogar unha partida, senón a aprender. Para xogar, van a un bar.

Son a sede da Liga Nacional de Snooker, como se senten?

Nós, ademais de ser Escola Deportiva, somos a sede da Liga Nacional de Snooker, xogamos na Liga Nacional de Snooker e noutra liga provincial de pool americano.

Ao ser sede nacional da asociación LASE nivel nacional, oito xogadores de toda Galicia xogamos a primeira fase da liga de setembro ata marzo no noso club. Os tres mellores dos oito ímonos a Porto, en Portugal, á final.

Mentres, eu, tamén compito a nivel individual por España de pool americano e de snooker en representación do club e proximamente estarei nos campionatos de Europa en Malta en nome do Club de Billar Snooker de Sarria, despois de ter conseguido o bronce no máximo nivel nacional.

Entre o 12 e o 18 de marzo estarei no Campionato de Europa Absoluto de Snooker da EBSA (Federación Europea de Billar e Snooker) que ten lugar en Malta, onde estarán os mellores xogadores de cada país europeo.

Está en xogo conseguir unha tarxeta para o circuíto profesional de snooker, tamén chamada Tour Card, o que fai realmente difícil ser finalmente o campión, con preto de 200 participantes na categoría absoluta.

Así, atoparémonos con xogadores que xa foron profesionais pero actualmente xa non teñen esa condición.

Como é a reacción da xente con respecto a esta mesa única?

Vén moita xente a aprender snooker e a desfrutar deste deporte.

Ademais, desde que abrín o club, moitas persoas chámanme e dinme que consumen contido de Eurosport e que queren vir a ver a mesa e o difícil que é este deporte.

Concretamos unha cita e veñen a vela e alucinan.

Como valoran o apoio institucional?

Valoramos de forma positiva o apoio por parte do Concello de Sarria, que nos deixou unha habitación na fábrica, pero pedimos aos políticos en xeral que sexan empáticos co cidadán.

É importante que escoite e que saiba transmitir as posibilidades reais da capacidade do concello de realizar algo: diferenciar entre o que poden facer e o que o cidadán pide, sendo sincero, non vendendo a moto.

Que proxectos teñen de cara ao futuro?

Aínda non puidemos facelo porque acabamos de comezar, como quen di, pero queremos facer campaña polos colexios o ano que vén para conseguir que se apunten nenos.

Agora temos oito alumnos que veñen un día concreto e aprenden e perfeccionan, pero son xogadores concretos, non temos xente de colexios e gustaríanos facer clases para máis xente.

É importante dinamizar outra actividade na que o cidadán teña outra opción distinta ao que se ofrece no municipio e crear escolas deportivas en colaboración co concello é unha boa forma de facelo.