Skip to main content
Sarria

O goberno local de Sarria quere converter os edificios dos mestres en vivendas sociais

Por 19 Marzo, 2023Marzo 20th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, cualificou como “inaudito” o anuncio realizado polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, aos representantes da Anpa do Colexio Frei Luís de Granada respecto ao derrubamento das antigas vivendas dos mestres.

Así, di que se trata de “bens de titularidade municipal, cuxo uso foi cedido á Consellería de Educación para ser empregados como vivendas de profesores”.

Claudio Garrido considera que a “sorprendente promesa” do presidente da Deputación agocha “certo tufiño electoralista para tentar rabuñar algúns votos” e lémbralle a Tomé que “á Deputación de Lugo sóbralle onde investir fondos provinciais no Concello de Sarria sen necesidade de invadir a autonomía municipal”.

Neste senso, recórdalle que varios proxectos da rede de abastecemento de auga levan meses agardando pola autorización da institución provincial.

Opinión do Goberno de Sarria no tema casas dos mestres

Respecto á postura do goberno local sobre a situación das citadas vivendas dos mestres, Claudio Garrido adiantou que o primeiro paso será solicitar á Consellería de Educación a desafectación do uso “porque ao non vivir alí ningún mestre esa desafectación é procedente”.

A continuación, o goberno local encargará un informe técnico para ditaminar se, en función do estado estrutural dos inmobles, é viable a súa rehabilitación ou é máis recomendable a súa demolición.

No primeiro caso, Claudio Garrido adianta que a vontade do goberno local sería iniciar un proxecto de restauración para transformar eses edificios en vivendas para alugamento social e para a mocidade.

Pola contra, se os informes técnicos recomendan o derrubamento, a opción que respaldaría o goberno local sería empregar a parcela para a construción dun edificio público que acolla unha biblioteca escolar e un espazo que poida ser empregado como auditorio ou sala polivalente polos tres centros escolares que se atopan na contorna.

Ao respecto, Claudio Garrido sinala que debería ser “un edificio con certa singularidade arquitectónica por atoparse no Camiño Francés”.

Con esta argumentación, o Concello de Sarria desatende a petición da Anpa do Frei Luís de Granada de construír un parque cuberto para os nenos.

Contestación da Anpa

O pasado 9 de marzo a Anpa enviou un comunicado ao Concello de Sarria explicando que xa existe unha declaración de ruínas, polo que habería que proceder ao seu derrubamento.

Por outra parte, apuntaban que o edificio atópase en terreo arxiloso e de fácil inundación, polo que explican que “ao volvelo cimentar, pode existir a posibilidade de corrementos de terra que incida nas zapatas do edificio principal.

Ademais, argumentan que existe unha falta notable de parques adaptados ás necesidades educativas dos nenos en Sarria e que cumpran a normativa de seguridade de parques infantís regulada.

Por todo isto, seguen sostendo que a mellor opción sería prromover a creación dun parque infantil e cuberto para que os nenos e nenas puideran desfrutar del todos os días do ano.