Skip to main content
Sarria

O Concello de Sarria mantén o seu compromiso coa situación das casas dos mestres pero espera á ITE

Por 25 Marzo, 2023Marzo 26th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, anunciou que o goberno local levará ao vindeiro pleno ordinario o expediente da solicitude de desafectación das antigas vivendas dos mestres do CEIP Frei Luís de Granada, posto que a remisión dun acordo plenario aprobando dita petición é un dos puntos requeridos pola Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidades para avanzar coa tramitación.

Claudio Garrido lembra que o inicio do expediente de solicitude da desafectación xa fora aprobado pola Xunta de Goberno Local -á proposta da propia Alcaldía- no mes de xullo de 2021 e que, posteriormente, xa en marzo de 2022 a citada consellería requeriu o envío de diversa documentación, entre a que se atopa un certificado co acordo plenario.

O rexedor local amósase “sorprendido” polas xestións realizadas directamente por algunha representante da ANPA coa Deputación de Lugo, posto que na reunión celebrada en xaneiro polo Consello Escolar do centro foi a representante do goberno local, a concelleira de Educación, María Eugenia Valcárcel, quen propuxo retomar o expediente da desafectación.

Dito acordo foi aprobado por unanimidade, así como o de elaborar unha Inspección Técnica do Edificio (ITE) nun prazo de 15 días tras adesafectación, “non permitir a ocupación ilegal das vivendas” e “ter en conta a opinión da comunidade educativa do Frei Luis de Granada á hora da presentación de proxectos, así como á hora de decidir cal deles levar a cabo”.

Claudio Garrido subliña que “ese compromiso segue en pé”, pero matiza que “ata que se realice a ITE non se saberá o estado real da estrutura do inmoble, a súa viabilidade técnica e económica e se procede a súa rehabilitación ou demolición”.

E ademais, explica que “o que non pode ser é que algunha opinión persoal pretenda ser máis relevante que a dos técnicos e nalgunha integrante da ANPA percibo estraños movementos, que semellan estar máis orientados a xerar ruído político nesta precampaña, que a defender os intereses da comunidade educativa”, apuntou.

Tarefas de limpeza e conservación

Por outra banda, Claudio Garrido estima que “mentres non se aprobe a desafectación, a responsabilidade sobre esas vivendas corresponde á Xunta de Galicia” e resaltou que o Concello de Sarria “está a cumprir coas súas obrigas de mantemento e limpeza do centro”.

Ao respecto, engade que “incluso se están a asumir competencias impropias”, tal e como aconteceu coa reforma efectuada no colexio hai un par de anos, e ante a polémica sobre as deficiencias estruturais do edificio, foi o propio goberno local o que asumiu o custo dun informe encargado a Enmacosa para que se incorporaran ao proxecto de reforma as recomendacións de dito informe, “axudando a solucionar problemas graves”.