Skip to main content
Sarria

Dúas xogadoras do CB Sarria foron convocadas para xogar o campionato de España de Minibasket

Por 27 Marzo, 2023Marzo 28th, 2023Sin comentarios

Dúas xogadoras do equipo de baloncesto CB Sarria foron convocadas pola Selección Galega de Baloncesto para xogar o campionato de España de Seleccións.

O campionato de España de Minibasket, no que participarán María Parga López e María Grandas López, da categoría Mini; celebrarase entre os días 1 e 5 de abril con sedes nas cidades de Salou e Tarragona. Nel participarán 19 seleccións autonómicas.

As xogadoras pertencen á xeración do ano 2011 e as dúas cursan estudos de sexto de primaria e ámbalas dúas son as primeiras alumnas do colexio Frei Luís de Granada de Sarria e do colexio La Merced en ser convocadas para unha selección autonómica de baloncesto.

Proceso para chegar a este punto

As dúas xogadoras levan un ano preparándose para ser seleccionadas cun “intenso traballo e numerosos desprazamentos para realizar programas de tecnificación coas demais nenas de toda a comunidade”, explica o pai dunha delas.

Tamén, destacan o traballo realizado polos seus adestradores desde os inicios da súa andaina deportiva tanto da súa actual adestradora Maisa López como de José Manuel López Cabana, “que é un de grandes impulsores do baloncesto base en Sarria”, argumenta o proxenitor.

As dúas nenas seleccionadas están a xogar co club de baloncesto CB Sarria en primeira división autonómica tanto na súa categoría (Minibasket) como nunha categoría superior (Preinfantil) e nas dúas categorías con posibilidades de clasificarse para as finais autonómicas.

O pai dunha delas di que “emprenden esta aventura con gran ilusión, coa intención de aproveitar ao máximo a experiencia da competición e compartir coas demais xogadoras”.

Recoñecemento para o CB Sarria

Segundo o pai, “todos estes froitos non se recollen por casualidade. O club ao que pertencen, o CB SARRIA, actualmente presidido por Chus Arias López, é un club moi coidadoso coa canteira, seguindo os pasos dos seus predecesores no coidado e mimo das categorías inferiores e dos adestradores do club, un dos cales (Adrián López) tamén foi designado co importante cargo de seleccionador autonómico nesta mesma categoría Minibasket para dirixir ao equipo autonómico no Campionato de España”.