A meirande parte do orzamento da institución provincial dedicado a este concello está destinado ás infraestruturas, ás estradas e á construción do Centro de Atención a Maiores da localidade.

A Deputación de Lugo dedicou preto de 5M€ desde o ano 2019 para, en colaboración co Concello, dotar e mellorar os servizos e as infraestruturas públicos dos veciños e veciñas de Guitiriz.
A meirande parte do investimento da institución provincial foi destinada á mellora de vías e equipamentos municipais, ao acondicionamento das estradas provinciais, e á construción do Centro de Atención a Maiores, cuxas obras están adxudicadas por un importe próximo ós 2M€.
Accesibilidade, abastecemento de auga e mellora das comunicacións
Guitiriz destinou 1,3M€ da Deputación á mellora, construción e conservación das súas infraestruturas. Grazas a este investimento, o Concello acometeu o acondicionamento de estradas municipais e camiños en diferentes lugares de parroquias como Trasparga, Lagostelle, O Buriz, Mariz ou Parga; acometeu o abastecemento de auga de Becín, dende o pozo do campo ao cemiterio; ou a ampliación do centro de día municipal. Ademais, traballa no acondicionamento e mellora da accesibilidade para a implantación dun paseo peonil na rúa Manuel María.
Melloras en catro estradas
A Deputación investiu preto de medio millón de euros nas estradas provinciais ao seu paso polo concello de Guitiriz. É o caso da LU-P-2301, que conecta o núcleo urbano con Vilares; da LU-P-2302, de Guitiriz ao límite provincial por Mariz; da LU-P-2305, que vai de Parga a Pena Moscosa; e da LU-P-2304, na que se está a traballar estes días e que une o centro da vila con Sete Muíños, onde está prevista tamén a construción dunha senda peonil que redundará na mellora da seguridade e da comodidade da veciñanza e das persoas que se acheguen ata este espazo de lecer do concello chairego.

A Deputación investiu preto de medio millón de euros nas estradas provinciais ao seu paso polo concello de Guitiriz
Centro de Atención a Maiores
A Deputación de Lugo ten adxudicadas as obras de construción do Centro de Atención a Maiores de Guitiriz, cun orzamento de preto de 2M€, cumprindo así co compromiso manifestado polo Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, á Alcaldesa e ós veciños e veciñas.
O ano pasado foi necesario asinar un novo convenio de colaboración da Deputación de Lugo co Concello, despois de que un temporal provocara o colapso do edificio da Casa da Botica, un inmoble no que estaba previsto albergar boa parte das instalacións do centro de maiores. Foi necesario resolver o contrato coa anterior empresa adxudicataria das obras; redactar un novo proxecto, que tivo que validar o servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; tramitar e aprobar un novo convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello; e sacar adiante un novo contrato para a construción da residencia. Un novo proxecto que supuxo un incremento do orzamento en 450.000€, que asumiu na súa totalidade a Deputación de Lugo.
Reforzo do persoal municipal e SAF
O fomento do emprego é outra das principais liñas de colaboración entre a Deputación e os concellos. Desde o 2019 a institución provincial aportou fondos a través do Plan Único para seis contratacións en Guitiriz. As profesións máis demandadas foron diversas neste concello chairego, que precisou arquitectos, administrativos, conserxes ou peóns.
Por outra parte, a institución provincial tamén fai unha importante aportación para o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Guitiriz, un servizo fundamental para o benestar social e a conciliación laboral e familiar.
A través de diferentes achegas da Deputación, Guitiriz puido adquirir estes anos maquinaria fundamental para o mantemento das estradas municipais como unha rozadora de brazo e de arrastre ou para as zonas verdes, como unha motoserra, un cortasetos ou un aparato de limpeza hídrica.