Skip to main content
Begonte

A Deputación arranxará en Begonte as pistas multideporte do club fluvial

Por 1 Marzo, 2023Sin comentarios

Os traballos consistirán no acondicionamento da plataforma, o pavimentado de formigón con fibras de 8 centímetros de espesor e cor verde e a colocación dun peche metálico de 4 metros de altura nos fondos das pistas.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou en Begonte o arranxo das pistas multideporte situadas no Club Fluvial da localidade, xunto ao río Ladra. Explicou que esta actuación é posible grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e a entidade social polo cal a Deputación achegará a totalidade do investimento necesario, que supera os 50.000€.

Tomé Roca explicou que os traballos, que terán un prazo de execución dun mes, consistirán no acondicionamento da plataforma, o pavimentado con formigón con fibras de 8 centímetros de espesor e cor verde e a colocación de peche metálico de 4 metros de altura nos fondos das pistas. Tamén incluirán o subministro e instalación de redes e pintado das canchas de tenis.

“Estas son as únicas pistas deste tipo que existen no concello de Begonte, e mesmo en zonas próximas, e tiñan falta de conservación. Son unhas instalacións que permiten un uso variado para os veciños e as veciñas, pero tamén para as persoas que se achegan a Begonte a desfrutar deste espazo”, sinalou o mandatario provincial, que durante a súa visita estivo acompañado polo presidente do Club Fluvial de Begonte, Alejandro Varela, e membros da entidade; a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; e a concelleira de Begonte Susana Ferreiro.

Trátase dunha colaboración que contribuirá, en palabras de José Tomé, “a dinamizar o concello e a contorna” porque “este espazo recreativo é un foco de actividade importante para a zona, pola riqueza que xera e o turismo que atrae, fundamentalmente nos meses de verán”.

O Presidente destacou que esta colaboración “forma parte da liña de cooperación permanente que mantemos dende a Deputación de Lugo, tanto cos concellos, como co tecido asociativo do municipio, para ofrecer máis e mellores servizos ós veciños e veciñas”.

A Deputación con Begonte

A Deputación achegou a Begonte desde o 2019 máis de 1,7M€ a través de diferentes liñas de actuación. Desta cantidade, a partida máis importante foi para as infraestruturas, que contaron cunha achega da institución provincial que superou os 750.000€ e nas que se incluíron actuacións tan importantes para o municipio como a mellora de accesos a unha vintena de núcleos de poboación, a humanización da praza de Begonte ou a rehabilitación da antiga escola.