Skip to main content
Begonte

Begonte contará cun Punto de Atención á Infancia para final de ano

Por 14 Marzo, 2023Marzo 15th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Begonte, José Ulla, mantivo unha reunión en Santiago coa conselleira de Política social e Xuventude, Fabiola García, na que chegaron a un acordo para a instalación dun Punto de Atención a Infancia no Concello de Begonte.

“Esta era unha vella demanda, e agora será unha realidade”, afirmou Ulla, que tamén destacou a receptividade da conselleira e a súa sensibilidade para poder desenvolver o proxecto.

As obras do PAI serán financiadas, na meirande parte, pola Xunta de Galicia, e o orzamento ascende a 120.000 euros. A ubicación será na contorna do Ceip Virxe do Corpiño, onde todos os nenos e nenas poderán continuar despois os seus estudos.

“Este equipo de goberno completará o seu proxecto de mellora de infrastruturas educativas e ofertará educación e conciliación para todas as familias residentes en Begonte, e para todos aqueles que decidan vir a vivir aquí, ou familias da contorna”, afirmou Ulla.

O alcalde tamén puxo en valor que “Begonte contará coas vantaxes de vivir no rural e o mesmo tempo, disporá de servizos e infrastruturas dunha cidade”.

O prazo para a súa posta en marcha será no último trimestre do ano.