Skip to main content
Cospeito

A Deputación e a Xunta renovan a colaboración coa Moexmu

Por 3 Marzo, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, Dolores Darriba Lamela, asinaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un novo convenio de colaboración entre a institución provincial e esta entidade. A través da colaboración, a Deputación destina 8.000€ para a celebración da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

Esta cita, que contribúe ao desenvolvemento económico do concello de Cospeito e da provincia, pon en valor o traballo dos gandeiros e dos artesáns. Este ano, a cita está prevista para a fin de semana do 31 de marzo ao 2 de abril. Durante os tres días celebrarase a 37º edición do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega, así como a 27º Poxa de Gando Selecto.

José Tomé destacou a importancia de renovar este acordo, que “é o reflexo de que todo o que ten que ver co noso rural e co noso sector primario é un eixo de traballo estratéxico, prioritario, para a institución provincial”. As actividades que poñen en valor e dinamizan o sector primario son fundamentais para apoiar a economía da provincia de Lugo, tanto polo retorno económico que ten de maneira inmediata a súa celebración en actividades como as do comercio e a hostalería e a propia actividade agrogandeira, como pola promoción e a proxección tanto a medio, como a longo prazo.

Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, confirmou hoxe tamén o compromiso da Xunta coa Moexmu. Arias mantivo unha xuntanza con Daniel Pollán Cabana e José Manuel Rus, presidente e coordinador da comisión organizadora respectivamente, ante os que reiterou que o Goberno galego colaborará achegando unha axuda económica para o certame; tamén, entre outros apoios, entregará os premios para o concurso de xóvenes gandeiros.