Skip to main content
CospeitoLugo

A Real Academia Galega celebra o Día da Poesía con versos de Darío Xoán Cabana

Por 24 Marzo, 2023Sin comentarios

A institución rendeulle homenaxe ao académico nun acto no que familia e amizades do mundo da cultura recitaron poemas de distintos momentos da súa biografía literaria.

“Hai literatura que se le coma quen bebe un vaso de auga, e outra prá que cómpre ter dentes afiados e moas resistentes, e remoer cada palabra, cada frase. Literatura á que lle tiramos zume e alimento. O Darío era iso. Auga e viño, pan e queixo. Alimento da alma e do corpo pra nosoutros”. A homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952-2021) que a Real Academia Galega celebrou este serán rematou coa emotiva lembranza da súa propia filla. Alexandra Cabana Outeiro púxolle o ramo á celebración do Día da Poesía na honra de quen foi “fonte inesgotable de palabras” recitando “You Shall Overcome”, “un canto de amor e resistencia” para o proletariado, os vellos, a lingua e os nenos e nenas coma a súa neta, “que son futuro de habermos futuro”, dixo. Porque a poesía de Darío “aliméntase da terra no seu sentido máis auténtico”, compartiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nun acto que avanzou con versos do autor de Roás (Cospeito) e outros recordos compartidos por amizades do mundo da cultura.

A terra foi sempre parte esencial dese “orgullo dunha estirpe de labradores e artesáns” que o escritor adoitaba proclamar como materia da súa obra, lembra a súa amiga e secretaria da RAG, Margarita Ledo, na loanza que escribiu para a ocasión. Un orgullo que “latexa tamén na teimosía do tradutor que anosou Dante, Petrarca, os trobadores da Occitania, Diderot…”, engade no texto, que pode lerse na plaquette titulada precisamente Estirpe de labradores, dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O volume reúne todos os versos do autor que se recitaron este xoves na Fundación Luis Seoane e as demais palabras dedicadas a Darío Xohán Cabana que tamén se escoitaron no acto.

A homenaxe organizada pola Sección de Literatura da RAG contou tamén coas intervencións das académicas Chus Pato e Marilar Aleixandre, e de Xoán Ramiro Cuba, Pepe Barro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo e Anxo Angueira no recitado de versos. Interveu ademais a tradutora María Alonso Seisdedos, quen retratou o Darío Xohán Cabana que trouxo ao galego grandes clásicos, un labor no que sobresae a “excelsa versión” que deixou da Divina comedia de Dante, composta por cen cantos de estrofas de tres versos hendecasílabos. “Canto máis a consulto, máis aumenta a miña admiración polo dominio e a arte coa que desempeñou o oficio que compartimos”, confesou.

A parte musical achegouna o poeta e músico lugués Lois Pérez, que interpretou os poemas “Cantiga de amigo pra facer o camiño”, “Vocabulario chairego” e “Pedras de gozo”.

Amor á lingua e ó proletariado

Darío Xohán Cabana foi “amor definitivo á lingua, á tribo, á nación, ó proletariado da cidade, do mar e do campo, a seus amigos e ós seus, a nosoutros e nosoutras”, retratou Alexandra Cabana Outeiro. Margarita Ledo incidiu tamén na importancia que o escritor lle deu sempre á amizade e ao compromiso co país e coa súa xente. A académica evocou, entre outros momentos, os anos de mocidade, “de descuberta da nación canda a lingua, e de partilla dunha casa”, a de Manuel María e Saleta Goy; e as viaxes en furgoneta por toda Galicia en 1971 para venderen, en festas e feiras, os “libros do pobo pra o pobo” da colección O Moucho da editorial Castrelos que creara Xosé María Álvarez Blázquez.

Os recitados comezaron con “Terra”, d’O tempo que se foi na voz de Chus Pato, que escolleu esta composición publicada en 1973 porque lle permite “un contacto directo co meniño que é e non é Darío Xohán Cabana”. “É o Darío na medida na que a súa biografía é captada pola lingua e transformada en poema”, comentou. Pepe Barro elixiu a lectura da “Carta do pai”, unha misiva enviada ao escritor polo seu proxenitor dende Suíza en 1972, e editada un anos despois en Noticias dunha aldea; Xoán Ramiro Cuba, “Hora da morte”, un “poema premonitorio” que o autor escribiu cando aínda non fixera os trinta anos; e Marilar Aleixandre, “Antioquía”, “un canto de resistencia” de quen sabía que “perderemos batallas” pero que “é necesario loitar polas causas perdidas”.

“Se auga en tránsito son estes cadoiros” soou na voz de Xosé María Álvarez Cáccamo, para quen este soneto revela “o maxisterio do oficio expresivo e construtivo” de Darío Xohán Cabana; Marica Campo recitou “Invocación a Rosalía”, un poema no que dialoga coa escritora fundacional das letras galegas contemporáneas, “o que equivale a dicir que se recoñece nela e que recolle a súa bandeira”; e Anxo Angueira declamou “A sombra”, poesía que lle dedicou o propio Darío e que leva impresa nas súas entrañas, dixo.