Skip to main content
Cospeito

Remata a primeira fase de ampliación do polígono empresarial de Muimenta

Por 25 Marzo, 2023Marzo 26th, 2023Sin comentarios

A Xunta completou a primeira fase da ampliación do parque empresarial de Muimenta logo dun investimento de 1,6 M€, segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita que realizou a esta área industrial do concello de Cospeito, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Esta ampliación permite incrementar a superficie do parque en case 25.000 m2, dos que preto de 13.000 m2 serán 14 parcelas que oscilan entre os 423 m2 e os 1.605 m2, e os restantes destínanse a zonas verdes e viarios.

A conselleira explicou que a comercialización das parcelas xa se incluíu no concurso de venda convocado por Xestur o pasado mes de febreiro e a apertura de ofertas está prevista para os vindeiros días. Tamén subliñou que os adxudicatarios destes terreos se beneficiarán da bonificación do 50% que o Goberno galego aplica á adquisición de parcelas nos parques empresariais da provincia de Lugo.

Máis polo miúdo, esta primeira etapa da ampliación incluíu actuacións relativas á urbanización, ás conexións ás redes de saneamento, abastecemento, telefonía e electricidade e aos enlaces coa estrada LU-120 e co viario do que xa dispuña o parque.

E, a maiores, o Goberno galego dotou á contorna de dúas zonas verdes, nas que, ademais de recuperar unha antiga carballeira e un forno de pedra tradicional, se instalou unha zona de descanso e lecer con xogos. Ademais, habilitouse unha senda peonil que conecta este espazo co paseo que vén de Muimenta.

Logo de salientar que “o ano 2022 foi dos mellores en venta de parcelas en polígonos industriais coa adxudicación de 540.000 m2”, lembrou que a Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur, ten a disposición do tecido produtivo preto de 900.000 m2 de solo urbanizado a prezos bonificados en 37 parques empresariais, a conselleira subliñou que os orzamentos de 2023 reservan unha partida de 7 M€ para continuar aplicando esas bonificacións e está previsto mobilizar outros 27 M€ para impulsar actuacións como a adquisición de terreos ou a urbanización de espazos co obxectivo de optimizar os polígonos industriais de toda Galicia.

De feito, na provincia de Lugo xa se están executando as obras de urbanización da fase 3 da ampliación do parque empresarial das Gándaras e estanse a redactar os documentos técnicos para ampliar as áreas industriais de Palas de Rei, Xove, O Corgo, A Pontenova e Meira.