Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz acollerá a máis de 300 deportistas na proba da Liga Galega de Orientación

Por 24 Marzo, 2023Sin comentarios

O monte San Xoán é o enclave no que se celebrará a xornada da competición autonómica, que será organizada polo Concello e o Club Fluvial de Lugo.

O Concello de Guitiriz acollerá o sábado 1 de abril a máis de 300 deportistas de todas as idades como sede dunha das xornadas das Ligas Galegas de Orientación. Concretamente, o monte San Xoán será o escenario para un evento que suporá a II Proba da Liga Galega de OPIE e a III Proba da Liga Galega de Sprint.

A primeira das probas, a segunda xornada da Liga Galega de OPIE, comezará sobre as 9:30 horas e será a máis longa, pois rematará preto das 14:00 horas. As distancias a percorrer van desde o 3.300 metros ata os 6,4 quilómetros, en función da modalidade e categoría.

Xa pola tarde, sobre ás 16:30 horas, está previsto o inicio da terceira xornada da Liga Galega de Sprint, cunhas distancias moito máis curtas pero que se celebrará na mesma contorna do monte San Xoan.

A proba deportiva foi presentada hoxe na Casa Habanera, nun acto que contou coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e os responsables da proba por parte do Club Fluvial de Lugo, Eugenio Rodríguez e Manolo Castiñeiras. Ambas as dúas entidades coorganizan un evento con recorrido secreto ata o mesmo momento do seu inicio, pero que non requirirá peches de tráfico.

Marisol Morandeira salientou que “estamos encantados con todas as competicións que se fagan no noso municipio” e indicou “esta proba referenda a nosa aposta pola promoción do deporte e súmase a outras como slalom, a carreira, as andainas, os btteiros…”. “Agardo que as futuras edicións desta proba poidan facerse na contorna do balneario, que era a idea inicial da organización, pero que non foi posible porque aínda está en obras”, comentou.

Pola súa parte, Eugenio Rodríguez, agradeceu “ao Concello, aos colaboradores e ao club fluvial que a fixesen posible” e explicou que “agardamos ter da orde de 300 participantes de clubs das catro provincias e tamén de fóra de Galicia, especialmente de Asturias”.

O prazo de inscrición para participar nas probas da Liga Galega finaliza o domingo 26 de marzo ás 23:50 horas. A formulación de matriculación pódese cumprimentar na sede electrónica da Federación Galega de Orientación, aínda que está reservada para deportistas con licencia federativa, ben de temporada, ben de un solo día.

Sen embargo, iso non resta posibilidades a aquelas persoas que queiran aproveitar para probar a modalidade deportiva da orientación. Porque por 13 euros poderán sacar a citada licenza dun día. Este prezo é de tan só 5 euros para os veciños e veciñas de Guitiriz que se decidan a participar nunha proba celebrada nunha das paraxes naturais máis senlleiras do seu concello.

A orientación é unha modalidade deportiva na que o obxectivo do participante é realizar no mellor tempo posible un recorrido marcado nun mapa e sobre o terreo por puntos de control (balizas). Polo tanto, é unha disciplina ideal para desfrutar do contacto directo coa natureza, sen límites de idade nin de forma física e que permite traballar o corpo tanto de xeito cognitivo como físico.