Skip to main content
Guitiriz

As obras da residencia de Guitiriz arrancarán en abril

Por 30 Marzo, 2023Marzo 31st, 2023Sin comentarios

A Deputación ten adxudicado e firmado o contrato das obras, xa ten a licenza municipal e contratou a dirección de obra e o coordinador do Plan de Seguridade e Saúde, polo que “estamos en condicións de asinar a acta de replanteo e empezar os traballos ó longo do vindeiro mes”, explicou José Tomé.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves que as obras de construción do Centro de Atención a Maiores da localidade chairega arrancarán en abril. Fíxoo tras asinar esta mañá, acompañado da Alcaldesa, Marisol Morandeira, e do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o contrato con Construciones Jesús Naray SL, a empresa adxudicataria dos traballos, que supoñen un investimento de practicamente 2M€.

Así, tendo en conta que a Deputación ten adxudicado e asinado o contrato, xa ten a licenza municipal e contratada a dirección de obra e o coordinador do Plan de Seguridade e Saúde, “estamos en condicións de asinar a acta de replanteo e empezar as obras ó longo do vindeiro mes”, detallou José Tomé. O prazo de execución é de 18 meses.

Polo tanto, subliñou o Presidente, “cumprimos cos prazos que nos marcamos, coa Alcaldesa e coa veciñanza. Agora si, Guitiriz terá a súa residencia pública, moderna, cunha xestión centrada nas persoas, que favorecerá o arraigo, porque os veciños de Guitiriz terán prioridade no acceso ás prazas, e que creará actividade económica e emprego”.

O mandatario provincial lembrou que o proxecto tivo que ser redactado de novo tras o colapso da Casa da Botica debido a un temporal. Un proxecto, validado por Patrimonio da Xunta, “co que construiremos unhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial que temos implantado na Deputación de Lugo”, apuntou. No novo edificio quedarán ademais integrados elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira.

José Tomé Roca lamentou que “a Xunta de Galicia, que ten as competencias, siga sen aportar nin un só euro, e que, aínda por riba de non aportar nada, poña paus na roda bloqueando ou retrasando adrede os permisos necesarios. Unha situación intolerable, que non nos cansaremos de denunciar”. Incidiu en que a Deputación de Lugo seguirá traballando “para cumprir os compromisos, como fixemos durante todo este mandato”.

46 prazas

O novo proxecto de construción do Centro de Atención a Maiores de Guitiriz supera en medio millón de euros o inicial, un importe que asume na súa totalidade a Deputación. O edificio, dividido en catro plantas, contará con 46 prazas de residencia repartidas en 23 dormitorios dobres.

No semisoto estarán situados dous almacéns, a lavandería e cuartos de instalacións. Na planta baixa atoparanse o vestíbulo, a recepción, a dirección, a sala de convivencia, a sala de actividades, a unidade social, o comedor, dous aseos, os vestiarios do persoal e o cuarto de limpeza.

Na primeira planta están proxectados 11 dormitorios dobres con baño, a consulta médica e sala de curas, dous cuartos individuais de enfermería, o aseo de enfermería, o almacén de farmacia, a sala de estimulación sensorial, o cuarto de limpeza e o baño xeriátrico.

O resto das habitacións, 12 dormitorios con baño, estarán na segunda planta, xunto ao ximnasio con aseo, o cuarto de limpeza, un almacén e o baño xeriátrico.