Skip to main content
Muras

Convocada unha manifestación para o domingo contra a mina de Silán

Por 21 Marzo, 2023Marzo 22nd, 2023Sin comentarios

Veciños e veciñas de Silán, en Muras, e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convocan unha concentración o vindeiro domingo 26 de marzo, ás 12 horas, na zona da polémica mina San Acisclo, para esixir a admisión dos recursos xudiciais presentados e a revocación dos permisos concedidos pola Xunta de Galicia.

Actualmente están interpostos recursos de reposición por parte da veciñanza, organizacións ambientalistas e o SLG, nos que solicitamos a suspensión da autorización da actividade mineira por parte da Xunta de Galicia, para a cal non consta ademais a existencia dunha licencia municipal.

“Como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, son múltiples as irregularidades presentes na mina San Acisclo, comezando porque esta concesión e o seu proxecto encádranse na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (Decembro 2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres”, din dende o SLG.

“Aliás, a zona a explotar está situada na área de amortecemento e no contorno de protección do ben do patrimonio cultural de Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo -catalogado con código GA27033036-, e que non conta cos necesarios informes de Augas de Galicia, nin con Estudo de Impacto Ambiental.”, engaden.

Afirman que esta concesión mineira vén acumulando irregularidades dende a súa solicitude na década dos noventa. “De feito, a semana pasada alertamos tamén da presenza de maquinaria na zona, malia non contar con licencia municipal”, din.

Coa concentración convocada en Muras para este domingo 26 de marzo queren esixir á Xunta de Galicia a tramitación dos recursos presentados polas organizacións sociais e a anulación da autorización outorgada a esta mina, “por tratarse dun proxecto que carece das preceptivas autorizacións de augas, ambiental e urbanística”.