Skip to main content
Muras

O Concello de Muras homenaxea o día 31 a Antía Cal

Por 25 Marzo, 2023Marzo 26th, 2023Sin comentarios

O Concello de Muras ten interese en facer unha forte aposta pola reivindicación de Antía Cal. Coa proximidade do primeiro cabodano do seu pasamento, Muras quere ofrecerlle unha homenaxe o venres 31 de marzo.

O evento constará de varios actos. No primeiro farase o nomeamento da Biblioteca A palabra xusta. Era un xogo que Antía gustaba de facer cos seus alumnos ao finalizar o día. Cada neno tiña que escribir nun papel e cunha soa palabra o que aprendera nesa xornada. As respostas amosábanse na parede e, entre todos, escollían a mellor.

Tamén se fará o descubrimento dunha placa na súa casa familiar como agradecemento do pobo e o do Concello de Muras. Así mesmo, recuperarase a placa da Casa do Médico, que fora cedida pola asociación de emigrantes de Muras na Habana e retirada durante a reforma á que foi sometido o edificio.

Tamén está prevista a celebración do Primeiro Encontro de Muras sobre Antía Cal. Acto principal da xornada onde se saliente a importancia desta gran pedagoga, defensora da lingua e do patrimonio.

Cóntase coa colaboración de institucións, especialistas no seu legado, e representantes da súa contorna que profundarán no seu innovador xeito de exercer a pedagoxía. Así, sucesivamente intervirán o alcalde e presidente da corporación, Manuel Requeijo Arnejo; pola Universidade Santiago de Compostela Aurora Marco; pola produtora e executiva do documental A Palabra Xusta Carme Varela, e  Elena López Seco, en representación da familia do Burgo.

Está prevista sobre as 11.50 horas unha actuación musical a cargo de Black e a continuación, un ex-alumno de Antía Cal no colexio Rosalía de Castro, José Pintado, tomará a palabra. Para pechar a rolda de intervenciós co investigador e voz do documental Rescatada sobre Antón Beiras, Xurxo Martínez González.

Ás 13.20 horas está previsto o descubrimento das placas da Casa do Médico e da biblioteca A palabra xusta, ubicada no Concello; para seguir co descubrimento da placa conmemorativa na casa familiar e visita guiada aos escenarios da película A palabra xusta. Rematarán cuns petiscos.