Skip to main content
Outeiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro reclama medidas urxentes para protexer a capela de Bravos

Por 4 Marzo, 2023Sin comentarios

O BNG de Outeiro de Rei demanda medidas urxentes para “deter a destrución” da capela de Bravos, en Vicinte, e asegura que “resulta imprescindible frear a destrución do patrimonio histórico do concello”.

Din que a capela de Bravos está a sufrir un intenso deterioro debido ao seu abandono e mal estado de conservación no que se atopa. Esta capela, “que é un dos elementos máis representativos do Patrimonio Histórico do concello”, ten partes románicas e góticas e foi durante séculos un dos centros de peregrinación da comarca. Ten tamén un cruceiro asociado que é un dos máis representativos da Terra Cha, idéntico por certo ao existente en Quintián, na parroquia de Cela ao outro extremo exacto do concello.

Esta capela xa sufriu recentemente roubos de distintas pezas e, debido ás goteiras e falta de mantemento, estase a destruír tanto o edificio como o contido da propia capela. De non actuarse con urxencia, esta seguirá o comiño doutros elementos patrimoniais que xa case non existen ou están completamente abandonados, como ocorre non moi lonxe de alí coa capela de San Marcos.

O BNG propoñía que se iniciasen os trámites para incorporar esta capela ao patrimonio público e, mentres isto non fora efectivo, se se tomasen as medidas oportunas para deter a destrución deste ben patrimonial.

“O PP, como ben sendo habitual, recoñece a importancia deste ben, así como chufa do moito que fai pola conservación do patrimonio, pero vota en contra da medida para frear a súa destrución”, indicaron os nacionalistas.