Skip to main content
As Pontes

O sábado reabrirá o renovado polideportivo municipal das Pontes

Por 22 Marzo, 2023Marzo 23rd, 2023Sin comentarios

O renovado pavillón polideportivo municipal abrirá esta fin de semana as súas portas tras a finalización dos últimos traballos de acondicionamento do interior da instalación deportiva e a súa limpeza.

Así, o sábado, 25 de marzo, o polideportivo retomará a súa actividade a partir das 17:00 horas co partido de Segunda División de Fútbol Sala que disputarán ao equipo local O Esteo F.S IES Coruxo F.s e ás 19:30 horas será a quenda para o equipo sénior feminino do Lago DVSport que se enfrontará á S.D. Villestro, no partido de Primeira Autonómica.

O acto de reapertura continuará o domingo, 26 de marzo, cunha xornada de portas abertas, dirixida a toda a rapazada da vila, que comezará ás 10:00 e se prolongará ata as 14:00 horas e que tras o descanso para xantar, continuará desde ás 16:00 ás 20:00 horas.

A pista polideportiva acollerá actividades de ocio e deporte para os nenos e nenas a partir de 3 anos mentres que un novo espacio infantil creado na entrada principal da instalación polideportiva acollerá as actividades para a rapazada menor de 3 anos.

Durante a xornada repartirase unha mini merenda saudable entre os nenos e nenas asistentes que tamén recibirán un pequeno agasallo.

Desde o Concello das Pontes invitan á veciñanza a achegarse ata o polideportivo municipal durante a fin de semana e gozar do renovado espazo deportivo e das actividades programadas con motivo da súa reapertura.

TRABALLOS DE RENOVACIÓN

Os traballos de rehabilitación do polideportivo municipal permitiron reformar, case de xeito integral, a instalación, mellorando a dotación dun espazo deportivo de referencia na vila, procurando a sustentabilidade enerxética, económica e medioambiental.

O proxecto, cun orzamento de 634.417 euros, procedentes da achega do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 permitiu mellorar a eficiencia enerxética da envolvente térmica mediante a reforma dos seus peches a través de actuacións en fachadas, cubertas e chans así como a reforma das instalacións de iluminación interior e a produción de enerxía aerotérmica para calefacción, agua quente sanitaria (ACS) e a refrixeración do edificio.

Entre as actuacións realizadas atópase o revestimento da fachada con fachada ventilada, a substitución da cuberta por unha nova de papel sándwich así como a renovación do pavimento da pista polideportiva por tarima flotante de maior illamento, traballos con que se estima un aforro no consumo enerxético do edificio próximo ao 18%.
Tamén se mellorou a iluminación interior coa substitución das lámpadas actuais por tecnoloxía LED, reducindo a potencia instalada, pasando de 28 a 12 kW, o que permitirá un aforro estimado do 20%.

Así mesmo procedeuse á substitución da caldeira eléctrica por unha bomba de calor, dúas unidades de tratamento de aire, un acumulador de inercia, para almacenar o calor procedente da bomba, doce sistemas de ventiloconvectores e a obra civil asociada. Estes traballos permitirán un aforro do 36% no consumo de calefacción, auga quente sanitaria e na refrixeración do edificio.

Os traballos completáronse con diversas actuación, sufragadas con fondos propios, que permitiron a mellora da rede de saneamento do pavillón municipal a través do cambio de todo o sistema de tubaxes para a continuación proceder á substitución de todos os elementos sanitarios.

Tamén se executou un novo chan para o ximnasio situado no soto do polideportivo e procedeuse ao pintado do interior da instalación deportiva así como ao acondicionamento da entrada principal e a creación, na mesma, dunha zona de lecer infantil, co que se busca que as familias poidan conciliar a práctica deportiva coa tempo de ocio dos seus fillos e fillas.