Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta comprométese coa unidade de Alzhéimer do Hospital Asilo

Por 1 Marzo, 2023Sin comentarios

Vilalba Aberta reuniuse este luns co Padroado da Fundación Hospital Asilo. A xuntanza, que tiña por obxecto contrastar de primeira man a realidade da institución, permitiulle ao candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda, escoitar e recoller as necesidades da residencia, sendo a actual situación orzamentaria da unidade terapéutica de alzhéimer e outras enfermidades dexenerativas o principal tema a tratar.

Acompañado da responsable de organización e número 4 da Candidatura de VA, Mónica González e do membro fundador da formación municipalista, Francisco Roca, o candidato trasladoulle ao Presidente do Padroado o seu firme compromiso coa sinatura dun novo convenio, que asegure a continuidade dunha unidade especializada para a que o Concello financiaba 5 prazas e que actualmente está no aire ao non renovar o goberno do PSOE o vixente que caduca nun mes.

“Dende VA non podemos máis que denunciar que os usuarios destas prazas non teñan a día de hoxe garantida formalmente a súa continuidade por desleixo dun goberno que non é nin tan sequera quen de conservar o que hai”, denunciou. 

Renda, que contrapuxo a ”opacidade e o desinterese municipal” coa “política de escoita e comunicación constante coa sociedade civil vilalbesa de VA”, avanzou tamén que, máis alá do seu compromiso como candidato, o Grupo Municipal de VA defenderá no último Pleno Ordinario da lexislatura a urxencia do convenio.