Skip to main content
Vilalba

O PP propón pedir axudas para arranxar as pistas que non entraron no acordo con Vilalba Aberta

Por 7 Marzo, 2023Sin comentarios

PP vilalbés aposta por manter as pistas das parroquias en bo estado de seguridade e leva reivindicado ao longo deste mandato actuacións de mellora na totalidade das parroquias do rural. Nesa liña, os populares trasladan unha proposta concreta: que “o goberno local solicite as axudas da Xunta para a mellora de camiños rurais e aproveite para actuar nas que quedaron fóra do seu acordo con Vilalba Aberta; sen esquecer moitas outras que están nun estado perigoso para a seguridade”.

A portavoz do Grupo Municipal Popular e candidata do PP á Alcaldía, Sandra Vázquez, explica que “a Xunta vén de abrir o prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes de axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024”. Nos últimos anos, a Xunta concedeu ao Concello de Vilalba para a mellora de camiños preto de 400.000 euros: 111.746 no 2019, 78.086 no 2020, 88.538 no 2021 e 115.157 no 2022. “Mentres que a Xunta aplica criterios obxectivos acordados coa Fegamp -como son o número de entidades de poboación e de habitantes, superficie ou grao de despoboamento- para conceder os importes desta axuda a cada Concello; “o goberno local e Vilalba Aberta aprobaron un acordo que excluía pistas municipais de sete parroquias que estaban xa daquela en mal estado”.

“O Partido Popular de Vilalba aposta por deseñar e aplicar un plan de mellora de estradas municipais que permita actuar para conservar as vías en todo o termo municipal e garantir a seguridade dos usuarios”, indica Vázquez. “O que defendemos é unha organización e unha xestión con sentidiño. E iso supón facer con previsión os trámites administrativos para executar as obras antes de que sexa demasiado tarde e que, ademais, coincida en épocas nas que haxa menos probabilidade de que chova”.

FINANCIAMENTO DA MELLORA DAS PISTAS

A popular engade que “a xestión da mellora das pistas municipais tamén require unha planificación económica, pero recordemos que este goberno non foi capaz de elaborar uns orzamentos propios nin tampouco de cadrar as contas a tempo”. Por iso, “fomos convocados en varias ocasións a plenos extraordinarios -que supoñen un gasto máis para o Concello- cos que aprobar partidas para esta finalidade e, aínda así, deixaron estradas de varias parroquias fóra do seu plan de investimentos pactado con Vilalba Aberta que, tras esquecerse delas, reclama melloras agora”.

Vázquez sinala que “fronte aos máis de 2 millóns de euros dos que presume o goberno socialista de dirixir neste mandato ás estradas municipais, os anteriores gobernos municipais do PP teñen dirixido 6 por mandato”. A popular apunta que “o compromiso do Partido Popular co rural é tres veces maior que o do PSOE” e especifica que “era posible grazas a unha boa xestión e, por suposto, a dispoñer de orzamentos, que son unha ferramenta económica fundamental para levar a cabo os proxectos dun goberno”.

A alcaldable do PP explica que ademais dos fondos propios e as axudas da Xunta, “os Concellos lucenses tamén dispoñen dos fondos do Plan Único da Deputación -un plan de reparto obxectivo de fondos aos Concellos da provincia que foi posible grazas aos acordos aos que chegou o PP co anterior goberno provincial- que, nunha parte, se poden dirixir á mellora de estradas”. Polo tanto, “é cuestión de vontade e traballo planificar actuacións nas estradas do noso rural que o goberno socialista mantén en estado de abandono como, por exemplo, unha pista en Nete para a que os veciños reclaman melloras constantemente ou a pista que vai dende a ponte de Meire á igrexa de Belesar que nin sequera está incluída ata agora en ningún plan do goberno local”, conclúe.