Skip to main content
Vilalba

Os colectivos feministas convocan unha concentración en Vilalba polo 8M

Por 7 Marzo, 2023Marzo 8th, 2023Sin comentarios

Un ano máis, os colectivos feministas da Terra Chá únense para saír ás rúas este 8M polo que convocaron unha concentración, ás 20 horas na praza da Constitución. O lema este ano será Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres!, “se ben é certo que leva moitos anos denunciando o seu desmantelamento”, din.

O colectivo organizador afirma que “as mulleres non somos as únicas en padecer estes recortes dos servizos públicos, pero o certo é que somos as grandes vítimas destas políticas non sociais. Nós debemos paliar a pobreza de recursos que ofrecen as administracións, somos nós as que máis nos ocupamos dos servizos de coidados que a administración non garante, sobreexplotadas, empobrecidas, e o noso deber é darlles resposta ás carencias do sistema. Só o feminismo e a clase traballadora unida, organizada e na rúa podemos poñer fin a un sistema de miseria e retroceso que nos nega o dereito a ter unha vida digna, con dereitos e libres de violencia”.

A concentración prevista para as 20.00 horas rematará coa representación, por parte dun grupo de alumnas da Escola Municipal de Teatro, de Clara Vitoria, texto de elaboración propia a partir das intervencións de Victoria Kent e Clara Campoamor no Congreso dos Deputados o 1 de outubro de 1931 nun debate sobre o sufraxio feminino.

E antes, da manifestación, haberá un encontro feminista co título Un momento para nós, ás 18.00 horas, na casa da cultura vilalbesa.

DECÁLOGO

O colectivo feminista propón un decálogo de esixencias que serían:

  1. Queremos empregos, salarios e pensións dignas.
  2. Queremos maternidades dignas.
  3. Queremos un sistema público de benestar radicalmente diferente, no que a vida sexa o centro.
  4. Queremos unha educación pública e feminista para transformar o mundo.
  5. Queremos un sistema público de saúde con perspectiva feminista.
  6. Queremos garantidos os nosos dereitos sexuais e reprodutivos.
  7. Queremos os coidados fóra do mercado, garantidos por un sistema público.
  8. Queremos dereitos para todas, sen discursos de odio nin leis de estranxeiría.
  9. Queremos e esiximos máis recursos públicos para a prevención e erradicación da violencia machista.
  10. Queremos preservar o noso territorio e que non se convirta nun ben de mercado a espoliar polo capital.

“Todos os días, as mulleres estamos en loita: para sobrevivir nun mundo cheo de guerra, machismo e pobreza, para vivir a vida que queremos e para transformar o mundo con xustiza. igualdade e liberdade”, conclúen.