Skip to main content
Vilalba

A banda de Vilalba recupera o seu formato BMV Ensemble en concerto

Por 15 Marzo, 2023Sin comentarios

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) recupera o seu formato camerístico BMV Ensemble este vindeiro sábado, 18 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.

O director da agrupación, Dani Veiga, quixo lembrar que este formato xurdiu nos últimos anos “como consecuencia das restricións sociosanitarias derivadas da pandemia”, o que fixo adaptar as actuacións da banda a un número reducido de intérpretes.

Con todo, Veiga destacou que esta experiencia, “froito das circunstancias”, serviu tamén para descubrir “novas posibilidades para a agrupación” e “un aliciente máis” para os seus compoñentes, “dun xeito especial para aqueles que están a completar os seus estudos” de Grao Profesional ou Grao Superior nas súas respectivas especialidades.

É o caso do saxofonista Esteban Cabana, que compaxina a súa formación no Conservatorio Superior de Música da Coruña coa docencia na Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) e na Banda-Escola das Pontes, e que interpretará unha peza a só no concerto deste sábado.

Así mesmo, a frautista Sara Puentes e a clarinetista Uxía García, que están a finalizar os seus estudos no Conservatorio Profesional Municipal de Música de Vilalba, gozarán de notable protagonismo noutras dúas obras do programa.

Ademais destas pezas máis solistas e virtuosísticas, o concerto tamén servirá para escoitar obras orixinais ou arranxadas para outras formacións instrumentais, como conxuntos de saxofóns ou percusión.

Como colofón final, a BMV Ensemble ao completo interpretará a Suite nº2 do compositor inglés Gustav Holst, arranxada para a ocasión polo director da agrupación.

Holst, sweet Holst

Como xa sucedera antes do Concerto de Nadal, nestes días presentouse un novo episodio de O Podcast da Banda, unha “aventura radiofónica” á que pode acceder todo o mundo a través das redes sociais da asociación.

Desde a directiva da banda lembran que este “programa de pequeno formato”, duns “15 minutos de duración”, está a servir “para presentar actuacións, proxectos e outras iniciativas relacionadas coa Banda de Música de Vilalba en particular e coa música de bandas en xeral”.

Así se fixo no segundo programa deste podcast, dedicado á figura do compositor galego Rogelio Groba, e así se fixo tamén nesta ocasión a través dun terceiro episodio que leva por título Holst, sweet Holst, e que versa sobre a suite que se interpretará no concerto deste sábado.