Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta propón a creación dunha aula de interpretación do liño en Insua

Por 16 Marzo, 2023Sin comentarios

O Museo do Liño de Insua podería ser unha realidade despois de moitos anos de espera. Así o anunciou o candidato á Alcaldía de Vilalba Aberta, Modesto Renda, logo dunha visita ao local social das mulleres rurais de San Bartolomeu de Insua.

Acompañado dos membros da candidatura de VA Susana Pérez, Inés Poupariña e Zeus Seijo, o candidato deu a coñecer a “fórmula de financiamento” que defenderá no derradeiro Pleno da lexislatura, co fin de “facer xustiza histórica” co traballo da entidade ao redor da recuperación do proceso do liño e a la.

“Comprometémonos coas mulleres de Insua dende o rigor e a seriedade dunha proposta de convenio tripartito entre Concello, Deputación e Xunta”, explicou.

Renda, que puxo en valor o “esforzo e a perseveranza” da directiva da asociación para adquirir os “necesarios terreos”, instou a PSOE e PP a sumarse a unha “proposta de consenso” cuxa finalidade é “prestixiar, difundir e salvagardar o noso patrimonio inmaterial”.

Vilalba Aberta demandará, así, no salón de Plenos que o Concello “dea inicio aos preceptivos trámites administrativos” para a alegría dunha entidade que leva varios anos pelexando por conseguir que este proxecto sexa unha realidade.