Skip to main content
Vilalba

A Deputación triplica a colaboración económica co FIV

Por 17 Marzo, 2023Marzo 18th, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos un novo convenio de colaboración a través do cal a institución provincial practicamente triplica o seu apoio económico á décimo sexta edición do Festival Independiente de Vilalba (FIV), que convertirá a localidade chairega do 28 ao 30 de abril na capital nacional do indie rock.

O mandatario provincial explicou que este acordo co que a institución achega 50.000€ ao Concello de Vilalba permitirá dar “unha maior proxección a este evento musical, que durante os tres días de celebración da cita recibirá a milleiros de visitantes”, o que supoñerá “unha importante inxección económica para a localidade, que repercutirá en sectores como o comercio e a hostelería, ademais de xerar emprego e ser un gran impulso na promoción turística no conxunto da comarca da Terra Chá, e de toda a provincia”, subliñou José Tomé.

Pola súa banda, Elba Veleiro agradeceu ao presidente o seu compromiso un ano máis co que é xa un dos eventos máis importantes para Vilalba, xunto á Feira do Capón ou a Festa do Queixo San Simón da Costa. Por iso, nesta ocasión, engadiu a alcaldesa, “queremos ir máis aló, dar un paso máis na dimensión deste formato, co que contaremos cun aforo para 5.000 persoas e unha das programacións máis completas ata a data, con actividadades que inclúen propostas para toda a familia”.

Tres días co mellor da música indie

O FIV de Vilalba 2023 abrirá a tempada do calendario festivaleiro na provincia cun cartel de luxo. Reunirá os días 28, 29 e 30 de abril a bandas e artistas do panorama indie nacional e galego como Lori Meyers, La Casa Azul, Sidonie, Sidecars, Delaporte, Carlangas, Mora, Hickeys, la Banda de Música de Vilalba, Los Mainches, Berta Franklin, e as sesións dos djs Akkan, Ochoymedio Djs, Jus Kno’. Ademais, o programa musical inclúe como proposta infantil a Gramola Gominola, que presentará no festival vilalbés os seus últimos temas e novos discos.

Aínda se poden mercar os abonos do terceiro tramo á venda na web https://fivdevilalba.com, a un prezo de 38 euros, tras esgotarse os dous primeiros en decembro. Nas vindeiras semanas darase a coñecer toda a información sobre a zona de acampada habilitada e o transporte desde outros puntos de Galicia.