Skip to main content
Vilalba

Chega a Vilalba a campaña Galicia sabe amar para a promoción do peixe

Por 31 Marzo, 2023Sin comentarios

A campaña da Xunta Galicia Sabe Amar, que promove o consumo de peixes e mariscos galegos, recala en Vilalba, onde hoxe e mañá ofrecerá degustacións gratuítas destes produtos e información sobre a calidade e as súas propiedades nutritivas.

Son catro foodtrucks desta iniciativa, que está no Campo da Feira entre as 12 e as 15 horas e, pola tarde, de 16,30 a 19,30 horas. As persoas que se acheguen poderán probar algunha das 10 receitas elaboradas con produtos certificados do mar (como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías) xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas de Lourenzá, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

A campaña pon en valor o traballo dos pescadores e mariscadores da Comunidade e anima aos cidadáns a consumir os excelentes e variados produtos que comercializan as lonxas galegas -máis de 300 especies diferentes-, todos da máxima frescura e calidade.

Esta iniciativa chegará a 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago grazas ás catro furgonetas que partiron o pasado 15 de febreiro de Santiago de Compostela para levar a calidade do mar de Galicia por todo o territorio.

En concreto, a que hoxe visita Vilalba discorrerá por 65 municipios, entre eles capitais como Lugo, León, Burgos, Logroño e Pamplona, onde rematará a ruta. Na provincia lucense tamén ten parada en Guitiriz, Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos. En total, percorrerá 1.760 quilómetros durante 120 días para chegar a unha poboación potencial de máis de 1,7 millóns de persoas.

As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar ou na páxina web da campaña, onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.