Skip to main content
Alfoz

O espectáculo Duende Ecuestre, da Feira do Trece de Alfoz é posible gracias á Deputación

Por 29 Abril, 2023Xuño 9th, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación de veciños San Sebastián de Carballido de Alfoz, Jesús Paz Pumares, presentaron este venres no Pazo de San Marcos unha das grandes novidades da Feira do Trece deste ano: o espectáculo Duende Ecuestre. A institución provincial achega máis de 3.200 euros para a contratación deste evento dentro do programa do feiral, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de xuño.

O mandatario provincial puxo en valor que esta será a primeira vez que este espectáculo, que combina doma e baile ecuestre, estea en Alfoz, o que de seguro será “un gran reclamo que completará o programa que a asociación ten preparado para todo o día”. Así mesmo, Tomé Roca subliñou o pulo que esta cita colleu dende que esta asociación veciñal a recuperou no 2018, tentando emular as feiras que acollía o Lugar do Trece hai máis de 30 anos, sendo unha das máis punteiras da zona.

Ao acto de presentación na Deputación tamén acudiron a tenente de alcalde de Alfoz, Arantxa Incera Ares, e o concelleiro de Deportes e membro do colectivo veciñal, César Marrube Novo.

O espectáculo, que incluirá narración e música, componse de seis cabalos de pura raza española, unha egua e un poni. Dentro dos números que se poderán ver, contarase con varias actuacións de Sandra Borjas, campioa mundial de exhibición de cabalo de pura raza no Sicab 2021.

Ademais, a feira pola mañá incluirá exhibición de gando vacún, cabalar, porcino e aviar, contando coa presenza de razas autóctonas; e tamén haberá á venda maquinaria agrícola, artigos de artesanía e produtos agroalimentarios da zona. Haberá música de batukada, dj e un xantar de confraternidade.  Xa pola tarde farase a entrega de premios da feira, así como un sorteo de agasallos. A cita rematará cunha cea e verbena.