Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Galicia rexeita a iniciativa cidadá para vetar a venda de aletas de tiburón na Unión Europea

Por 13 Abril, 2023Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que unha hipotética aprobación da iniciativa cidadá para vetar a comercialización na Unión Europea das aletas de tiburón -presentada o mes pasado no Parlamento Europeo- sería un novo despropósito da política pesqueira comunitaria e poría seriamente en risco o futuro da frota de palangre galega. Por iso, apelou á Comisión Europea, á Eurocámara e aos estados membros para que freen esta proposta carente de sentido pois o seu obxectivo -evitar a captura de tiburóns para cortarlle as aletas e desbotar o corpo- xa está acadado coa norma europea que obriga a pescar e desembarcar os exemplares coas aletas adheridas.

A titular de Mar subliñou durante a inauguración do II Congreso Interfish-España sobre a Sustentabilidade na pesqueira de palangre de superficie que a frota europea aproveita integramente o tiburón e realiza unha pesca responsable, como demostra o feito de non ter rexistradas infraccións neste sentido malia ser unha actividade moi controlada.

Neste sentido, a representante da Xunta lembrou que esta normativa de aletas adheridas está a cumprirse de xeito estrito na Unión Europea, pero non así por terceiros países con prácticas menos sustentables, motivo polo que Galicia pediu en numerosas ocasións que a prohibición do finning -a práctica de cortar as aletas e desbotar o corpo- fose extensiva a todas as frotas mundiais.

Rosa Quintana advertiu ademais de que unha posible prohibición da comercialización de aletas de tiburón en Europa tería un importante impacto socioeconómico no sector pesqueiro europeo e beneficiaría novamente aos buques de terceiros países con prácticas menos responsables, pois faríanse co mercado e co negocio dos armadores comunitarios que realizan unha actividade totalmente legal e sustentable.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, incidiu en que ese veto poría en perigo á frota de palangre europea e suporía botar por terra tanto os investimentos como os esforzos realizados nos últimos anos para adaptarse á normativa de aletas adheridas.

Nesta liña, subliñou que esa prohibición non estaría xustificada nun mercado comunitario que ten a política máis avanzada para perseguir e combater a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, polo que pediu ás autoridades europeas que non se deixen influír pola presión dos grupos ecoloxistas e freen unha medida que carece de argumentos e base científica que a avalen.

Ese veto sería un duro golpe que se engadiría á inclusión do marraxo e da quenlla no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites), o que complica a súa venda e pon en dificultade a actividade dunha modalidade pesqueira que é das máis selectivas que existen.

O evento

O II Congreso Interfish-España celébrase entre hoxe e mañá en Vigo para analizar distintas cuestións de interese para a frota de palangre de superficie no seu obxectivo de acadar a sustentabilidade pesqueira. Entre elas o papel das administracións públicas ou da ciencia, o apoio da distribución ou a importancia das interprofesionais alimentarias e a comunicación na consecución dunha actividade sustentable.

A organizadora do evento, Interfish-España, foi creada en 2019 para representar toda a cadea de valor dos produtos do mar e está integrada pola Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar), a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e a Acuicultura (Conxemar).