Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

CIG Saúde A Mariña denuncia a “alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital pola inasumible carga de traballo”

Por 13 Abril, 2023Sin comentarios

A CIG Saúde A Mariña denuncia novamente a “alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola inasubmible carga de traballo á que se ve sometido, debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola sociedades científicas”.

Segundo o colectivo, “as condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, sinalan.

FUGAS RECENTES

– 1 facultativo de Hospitalización a Domicilio (HADO) a mediados de febreiro.

– 2 facultativos do Servizo de Urxencias (un a finais de marzo e outro no día de hoxe xoves).

– 1 médico especialista en neuroloxía (a finais de xaneiro).

– Varios facultativos de Medicina Interna en xuño, en novembro e decembro de 2022, un deles a día de hoxe segue sen cubrir (dende finais de decembro de 2022) xa que ninguén quere vir traballar ao Hospital da Mariña, como xa foi denunciado pola central nacionalista o 1 de marzo de 2023.

CONSECUENCIAS

“As consecuencias destas políticas”, advirte a CIG-Saúde, “é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.

É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.

Todo o anterior remata en baixas derivadas da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste xeito nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente  aos pacientes.

SOLUCIÓN

Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que “exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión”.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.