Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A CIG Saúde A Mariña demanda que logopedia e terapia ocupacional sexan incluídos nas prestacións do Hospital

Por 15 Abril, 2023Sin comentarios

Dende CIG Saúde A Mariña, defenden a logopedia como ferramenta de atención á diversidade, pois encárgase da prevención, o estudo, o diagnostico e a rehabilitación das alteracións da comunicación, a linguaxe, a fala, a voz, a audición e das funcións orais asociadas (respiración, mastigación e deglutición), etc. estimulación que, nos primeiros anos de vida é fundamental, xa que é nese período cando o cerebro é máis permeable.

Dende a CIG-Saúde A Mariña denuncian que “que a prestación sanitaria está contratada cunha clínica privada de Burela con importantes listas de agarda”, e que “sen a correcta atención, moitos nenos e nenas non chegan a desenvolver o seu potencial ao máximo, problema que tamén afecta á poboación adulta após sufrir diversas patoloxías como ICTUS ou ACVs”.

“Na Mariña, explican, xa sufrimos as consecuencias de deixar en mans privadas prestacións sanitarias básicas, mais o SERGAS teima en cometer o mesmo erro en vez de apostar por unha logopedia cen por cen pública. Se outros hospitais públicos dispoñen de logopedia na súa carteira de servizos e prestacións cal é o motivo para discriminar aos mariñaos e mariñás? Somos cidadáns de segunda? Son estes os máis e mellores servizos prometidos coa ampliación do noso hospital?”, pregúntanse dende a CIG.

Por todo o anterior dende a central sindical demandan que logopedia sexa incluída na carteira de servizos e prestacións do Hospital da Mariña, que sexa cen por cen pública e que se dote dos recursos humanos, a lo menos dúas Logopedas, e  recursos materiais.

TERAPIA OCUPACIONAL.

CIG Saúde A Mariña reivindica tamén que os mariñaos e as mariñas teñan os mesmos dereitos sanitarios que os de Lugo, cun reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple a prestación de terapia ocupacional do mesmo xeito que no HULA, dotando ao Hospital da Mariña de 2 Terapeutas Ocupacionais como mínimo.

Os seus ámbitos de intervención están entre outros en:

-Educación sanitaria: Promoción da saúde, Prevención da saúde e Determinante de conduta.

-Sanitario: Atención especializada, atención en agudos, atención en unidades hospitalarias, atención en media estancia, atención en Hospital de Día atención ambulatoria, atención en unidades de desintoxicación e  atención primaria.

A/o terapeuta ocupacional emprega a actividade de forma terapéutica para a prevención da enfermidade e/o a discapacidade, o mantemento da saúde e a rehabilitación da funcionalidade perdida nas áreas de autocoidado (vestido, hixiene, alimentación, etc), laboral, educativa, lúdica e de lecer, cando existe algún tipo de problemática de carácter físico, cognitivo e/o sensorial.

A/o terapeuta ocupacional avaliará tamén as condicións contextuais que puidesen afectar á participación da persoa nas súas actividades da vida diaria, tomando en consideración, por exemplo, as barreiras arquitectónicas, as condicións de accesibilidade, ou as variables de exclusión social, para adaptar ou modificar a contorna para conseguir a maior independencia posible.

Para exemplificar a falta deste persoal fixo referencia por exemplo a atención nos ICTUS, na rehabilitación, en saúde mental, na Atención Primaria, etcétera. “Debería contar cun equipo multidisciplinar e axeitado para a atención e asistencia”, dixo, “porque está demostrado que unha abordaxe terapéutica precoz dispensada por un equipo multidisciplinar é moito máis eficaz para que a/o doente alcance o máximo nivel de integración social e teña unha pronta recuperación”.

Dende está central sindical “levan esixindo á Dirección do Hospital da Mariña e tamén á Dirección da Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, a súa inclusión na carteira de servizos da sanidade da Mariña, obtendo sempre unha resposta negativa e incluso burlesca sobre a importancia destas profesionais na sanidade pública da Mariña”.

“Isto obriga aos usuarios e usuarias a pagar se dispoñen de recursos económicos a atención na sanidade privada”, sinalan. Ao mesmo tempo pregúntase “de que serven máis metros cadrados de ampliación sen máis prestacións sanitarias cunha dotación axeitada de medios humanos e materiais”.

Plan integral.

O sindicato nacionalista reclama máis unha vez a posta en marcha dun Plan urxente e integral  para abordar a creación destes servizos e evitar ter que acudir á sanidade privada.. “Un plan que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas privatizadoras e de destrución da sanidade pública na Mariña, e que dote de persoal (terapeutas ocupacionais e logopedas) e medios materiais ao Hospital da Mariña e os centros de saúde”.

“Deste modo obteriamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de terapia ocupacional e logopedia 100% público e de calidade”, conclúen.