Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Última semana fin de semana das experiencias de Turismo Slow da Mariña

Por 20 Abril, 2023Abril 21st, 2023Sin comentarios

A vindeira fin de semana rematan as experiencias de Turismo Slow da Mariña Lucense, que organizou a Mancomunidade e que se viñeron desenvolvendo ao longo desta primavera. Foron oito xornadas que tiveron lugar en Ourol, A Pontenova, Cervo, Foz, Xove, Ribadeo e Viveiro.

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense lembran que “o Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto colaborativo posto en marcha no ano 2015 polas Mancomunidades de Concellos da Mariña Lucense e Ferrolterra – Rías Altas, coa intención de promover un turismo sostible, é dicir, respectuoso coa natureza, coa xente que vive no territorio, coas empresas e traballadores do sector turístico. Así, con esta filosofía, que hoxe en día xa é tendencia, foise desenvolvendo un proxecto escaparate da oferta de ambos xeodestinos para dar resposta ao perfil do turista que escapa das masificacións e que está cada vez máis concienciado cunha forma de viaxar máis pausada, buscando o descanso, gozando do medio natural e coñecendo e valorando a cultura e a vida local”.

As Experiencias de Turismo Slow xa pasaron por Viveiro, A Pontenova, Cervo, Foz e Ourol durante o pasado mes de marzo e por Ribadeo a pasada fin de semana.

Agora os días 22 e 23 de abril no Lugar das Marías en Xove, Iria Pigueiras ofrecerá un taller de iniciación á cerámica para coñecer de primeira man diferentes técnicas, materiais, texturas e pigmentos así como crear varias pezas deseñadas por cada asistente seguindo un proceso creativo dinámico e colaborativo, nun entorno excepcional como é a aldea e o xardín deste aloxamento. A experiencia inclúe merenda, pernoita, cea e almorzo.

As actuacións vinculadas a esta iniciativa, que teñen que ver principalmente coa coordinación e promoción do programa, están financiadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo.