Skip to main content
A PontenovaCultura AMARIÑAXA

Francisco Javier Rois, do CIT da Pontenova: “Unha das Troitas de Ouro será para o noso amigo Luis Moirón”

Por 29 Abril, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Francisco Javier Rois Troita, Taracho, está na directiva do Centro de Iniciativas Turísticas.

Dende cando é presidente do CIT?

Pois levo como presidente 14 anos e formando parte da directiva como vogal levo 16.

Cantos membros son?

Na directiva somos 12 e despois somos sobre 240 socios os que forman o CIT. Ademais no carné de socio entra o cabeza de familia, a muller ou marido e os fillos menores de 18 anos.

Que é o que fai CIT?

O seu obxectivo é intentar dinamizar a vila con actividades para ter aos veciños entretidos, e tamén que veña a xente a desfrutar do encanto da Pontenova. Temos actividades ao longo de todo o ano para nenos e para maiores.

Algunhas son moi coñecidas.

Si. No verán está o descenso polo río Baixa como poidas, ou a paella para máis de 450 persoas na praza, no inverno temos a Cabalgata de Reis, e despois durante todo o ano facemos cursos de diferentes temáticas.

E por suposto a Festa da Troita.

Por suposto. Esta é outra das grandes citas da vila e que se celebra como todos os anos o 30 de abril e 1 de maio.

Que novidades haberá?

Pois a máis importante é que ao ser fin de semana puidemos engadir á festa o día 29. Tamén contaremos cun clinic de lance tanto de mosca como de cucharilla que serán impartidos por Nacho Rojo, o de mosca, e por Miguel Piñeiro o de cucharilla. Ademais o sábado 29 haberá un taller de xabón con aceite usado a cargo de Nacho Rojo, moi interesante.

Para quen serán as Troitas de Ouro?

Este ano daremos dúas Troitas de Ouro. Nesta ocasión serán para a Feira do salmón de Cornellana de Asturias, polo coidado das tradicións, pola posta en valor da pesca como dinamizador económico e pola defensa da biodiversidade dos ríos do principado. E por outra banda será para o noso amigo a título póstumo, Luis Moirón García, que tamén foi membro da directiva.

E as Pedras de Honra?

Estas pedras, situadas no paseo do Pescador, serán para o xornalista Xabier Fortes, que foi pregoeiro o ano pasado e que quedou encantado coa festa; para Guy Roques, un coñecido pescador francés, catedrático en Lingua Castelá e un dos personaxes fixos en calquera evento de prestixio no mundo da pesca; e para Antonio Pérez Henares ou Chani, conversador da televisión e escritor.

Como se atopa o río Eo?

Nestes anos cambiou moito o aspecto do río, o que implica que vaia a menos o número de salmóns e troitas que hai. É algo cíclico pero sempre vén a menos. Isto é consecuencia do abandono e a desaparición do rural. Pois antes había prados, campos e presas que eran a despensa dos peixes, e agora á beira do río é todo maleza e silvas. Entón non hai comida para todos e van desaparecendo. Lembro que antes camiñabas pola beira do río e vías as troitas, e agora están todas nas correntes do río por onde pasa a comida.

Algunha lembranza especial en todos estes anos?

Pois a verdade é que hai moitas, pero lembro un ano no que gañei o concurso, e no que me atopaba no pozo do Corveiro, un lugar fermosísimo e que conta con troitas moi grandes, e picoume unha troita duns 16 cm. e ao ir levantala vin que viña detrás outra máis grande para intentar comela, e o que fixo foi colocarse 2 metros corrente abaixo. Entón boteille a troita pequena á grande, e lanzouse a por ela, o que me fixo moverme e caer no río. E ao final escapou.