Skip to main content
Mar AMARIÑAXARibadeo

O acceso á praia do Cargadeiro foi valado debido ao comezo das obras de estabilización

Por 28 Abril, 2023Sin comentarios

O acceso á praia do Cargadeiro foi valado nesta xornada debido ao comezo das obras de recalce e estabilización da escaleira de baixada ao areal. O Concello chama á cautela nesa zona.

O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, dixo que “dado que en breve van dar comezo as obras de recalce e estabilización da escaleira de baixada á praia do Cargadeiro, ao longo do día de hoxe instalouse un valado no entorno do acceso a esta areal”.

O edil ribadense indicou que “deste xeito, desde o Concello de Ribadeo pedimos  á veciñanza precaución e cautela á hora de acercarse a este entorno, evitando en todo o posible esta zona, por que tamén se contempla o necesario movemento de maquinaria para o arranxo destas escaleiras e desta estrutura. Estes traballos está previsto que duren varias semanas e tamén queremos estender esta petición de cautela a todo este tempo no que duren as obras de estabilización”.

Pablo Vizoso lembrou: “como seguramente todas as veciñas e veciños de Ribadeo recordarán hai algo máis dun ano produciuse unha arribada perigosa de pedras e terra por debaixo das escaleiras de baixada á praia do Cargadoiro, deixando unha parte destas descalzadas e sen base, nunha situación inestable e perigosa. E ao quedar sen este apoio desde o Concello prohibiuse atendendo a criterios de seguridade o acceso á praia. Desde aquel momento estivemos traballando desde o Concello de xeito coordinado coa Dirección Xeral de Costas, que depende do Ministerio de Medio Ambiente, para atopar unha solución a esta situación”.

O concelleiro nacionalista engadiu: “por parte do Concello asumiuse o traballo e o financiamento dos diferentes proxectos e estudios xeotécnicos e por fin nestes días podemos observar que as obras son xa unha realidade. Polo tanto desde o Concello valoramos de xeito positivo o compromiso do Servizo de Costas con esta actuación, que supón un investimento de máis de 47.000 euros, e esperamos que estea rematada para o mes de xuño, podendo desfrutar daquela dunha praia totalmente segura para os bañistas e para as persoas que tan asiduamente visitan este lugar”.