Skip to main content
Barreiros

Conveniada a instalación dos xogos no parque xuvenil de San Cosme

Por 19 Abril, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a deputada de Mocidade, Mónica Freire, veñen de asinar un convenio que permite a finalización da adecuación dunha parcela municipal que se atopaba en estado de abandono a carón do colexio de San Cosme para convertela nunha zona de ocio e esparexemento xuvenil.

Este convenio financia a colocación dos xogos xuvenís por un importe de 72.539,57€, sendo a última das actuacións precisas para o seu uso final. Con este investimento, ponse fin ao proxecto de recuperación de dita zona para dotar o centro urbano de San Cosme dun espazo de ocio situado a carón do centro escolar e as vivendas sociais, cuxo investimento total ascendeu a 193.696,20 euros.

Nas vindeiras semanas darán inicio as obras de humanización do espazo para proceder a continuación á colocación dunha rede de escalada tridimensional de preto de 6 metros de altura e unha tirolina de 30 metros de longo, cuxos espazos se dotarán de chan de caucho, e dunha nova marquesina que sirva de refuxio para as nenas e nenos. Ademais, inclúe a colocación de mesas e bancos nos distintos niveis do terreo.

A colocación destes xogos vén a finalizar unha intervención importante nesa zona que pasou de ser un espazo residual que xeraba incomodidade e mal aspecto para a poboación a converterse no centro de ocio e xogos para as crianzas de idade máis avanzada, moi próximo ao parque existente dirixido a crianzas de menor idade e ao espazo utilizado pola xente maior. Complétase así un proxecto no que se actuou sobre a paisaxe e tamén sobre o uso dos espazos públicos, facendo desaparecer puntos residuais e ofertando novos espazos para todas as idades.