Skip to main content
Foz

O Concello de Foz segue coa mellora do firme de camiños en parroquias

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

O Concello de Foz destina 330.000 euros á mellora do firme de camiños en Trasmonte de Santa Cilla, Cordido, Cangas, Nois, Fazouro e Vilaronte.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “con cargo a 216.000 euros de fondos do Plan Único 2023 -aprobado este martes no pleno da Deputación de Lugo- vanse mellorar distintos viais. É a partida máis importante. Grazas á Deputación de Lugo imos facer un arranxo completo do firme en Trasmonte de Santa Cilla, tanto nos accesos como no vial que baixa á fonte, para o cal destinamos máis de 81.000 euros. Onte, venres 31 de marzo, comezamos en Trasmonte un bacheo de urxencia xa que os traballos proxectados vanse demorar ata finais deste ano 2023 ou comezos do 2024. Con cargo a este plan imos aglomerar en Cordido o vial que conecta a Fonte do Sixto coa estrada provincial LU-P-6303 e asfaltar o camiño que une o Barral coa Fabega, que está en moi mal estado. En Fazouro acondicionaremos a subida a O Raxal desde Lousada e en Nois imos actuar cun novo firme na subida a Trasmonte desde Carpacide, un vial fundamental que bacheamos pero  que está en mal estado pola acción do transporte pesado para a saca da madeira.  En Cangas completarase o aglomerado da subida a Ribela feito no ano 2022 e renovarase completamente o firme do Camiño de Liñares. Tamén vamos investir 43.500 euros na ampliación e mellora da conexión do centro de Vilaronte coa estrada a Ferreira, ampliando e aglomerando o tramo entre o cemiterio parroquial e a baixada ao Castro”.

Cajoto engade: “con fondos do Agader imos mellorar camiños en San Acisclo e na parroquia de Nois. En San Acisclo serán 40.000 euros os que permitirán aglomerar en quente a subida ao Redondo desde a estrada LU-152, conectando co tramo que se está a asfaltar nestes momentos con cargo a fondos do Plan Único 2022. En Nois aglomeraremos todo o entorno do Centro Social de A Saira entre a Nacional e a estrada da Deputación, rematando a actuación no vial pendente de arranxo que bordea o apeadoiro do ferrocarril. A actuación en Nois con cargo a fondos do Agader ascende a 23.600 euros”.

Ademais o Concello de Foz solicitou á Consellería de Presidencia unha subvención para a mellora de infraestruturas, que está pendente de resolución. En caso de concederse por un importe de 50.000 euros  o Concello de Foz procedería a aglomerar o Camiño de Folgueiras en Alemparte (Cangas) e o tramo pendente do vial que une a Espiñeira coa Baesta, en Vilaronte.

“Desde o inicio deste mandato incidimos na mellora de camiños rurais, con actuacións menores pero que son moi importantes como os bacheos, pero tamén con proxectos de mellora integral en base aos orzamentos dispoñibles. Temos 100 quilómetros cadrados de extensión, pero pouco a pouco imos completando a mellora de viais, facendo fincapé naqueles camiños máis utilizados”, remata o alcalde.