Skip to main content
Foz

O alcalde e candidato socialista de Foz, Fran Cajoto, presentou a súa lista para o 28M

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

O alcalde de Foz e candidato polo PSdeG-PSOE ás eleccións municipais, Fran Cajoto, presentou a súa lista para o 28-M nunha abarrotada Casa da Cultura. Estivo arroupado pola deputada autonómica Patricia Otero, o senador Cesar Mogo e a secretaria de organización provincial e deputada Pilar Porto, ademais recibiu apoios, en forma de vídeo, do recentemente nomeado Delegado do Goberno José Ramón Gómez Besteiro, do Presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral provincial, José Tomé, do Secretario Xeral Galego, Valentín González Formoso e do Ministro de Exteriores José Manuel Albares.

No acto, Cajoto, presentou, aos veciños e veciñas asistentes, ás 19 persoas que, comprometidas con Foz, que conforman con el a candidatura e insistiu en que se presenta: “Con moitísimas gañas e con máis ilusión ca nunca. Teño que agradecer enormemente o gran compromiso de todas as persoas que me acompañan nunha candidatura que ten un obxectivo claro: traballar por Foz, con humildade e con esforzo. Partimos de catro anos de experiencia nos que a pesar das dificultades derivadas da pandemia o Concello medrou en poboación, melloráronse infraestruturas na vila e nas parroquias e se levou a conexión de fibra óptica a todo o rural. Queremos continuar impulsando un proxecto que naceu para quedarse e ser merecedores da confianza das veciñas e veciños. Hoxe arrancou un novo proxecto, é un gran día”.- subliñou o actual rexedor focense, antes de destacar o traballo realizado polo seu equipo de goberno actual.- “Na candidatura están presentes os actuais concelleiros, aos que agradezo o gran traballo destes catro anos e tamén caras novas: persoas xoves pero que destacan pola súa capacidade de xestión á fronte de asociacións e centros educativos, como Ángel Fernández Neira no número 3 da lista e Elena Martínez Pena no número 6.

Ao remate do acto Ángel Fernández que leva vinculado a diferentes entidades asociativas do concello moitos anos, e nos últimos catro foi o presidente de O Noso Foz, a comisión de festas que leva moitos dos eventos que se celebran no casco urbano declarou que.- “Son condutor industrial actualmente, tamén traballei en diversos ámbitos relacionados coa construción e coa electricidade. Únome a este proxecto despois de compartir intenso traballo co actual equipo de goberno para sacar adiante os festexos de Foz. Teño moita ilusión de axudar a mellorar Foz e facelo crecer. Somos un equipo de traballo moi implicado e con ganas de seguir traballando por este concello.”

Elena Martínez tamén explicou a súa traxectoria e os motivos que a levaron a presentarse na candidatura socialista.- “A xente que me coñece sabe que cando se fala de Foz o meu rostro muda e un sorriso apreciable invade a miña face. Son Elena, unha rapaza á que esta vila mariñeira veu nacer xa vai unhas cantas décadas. Abandeirada do meu pobo e da miña xente, promocionando a súa riqueza alá por onde vou. Son mestra de vocación, con máis de catorce anos dedicados a esta profesión da que tanto aprendo e pola que considero a educación un pilar fundamental da sociedade, e tamén da miña vida. Sempre estiven vinculada a este eido e procuro seguir formándome neste ámbito. Ao longo dese tempo tiven o privilexio de presenciar a apertura da Escola Infantil de Foz, da que formei parte durante máis de once anos, e levo case tres percorrendo diferentes centros educativos de Galicia, impartindo as ensinanzas do segundo ciclo”.

“O Entroido é outra das miñas paixóns, festa que vivo con moita intensidade e que para min é, e sempre será, das máis especiais. Un sentimento que, despois de dezaoito anos formando parte da comparsa Sin Xeito, é cada vez maior. Considero que un lugar se define pola xente que o habita e eu son unha persoa á que lle gusta participar en todos os eventos sociais da vila, desfruto deles e involúcrome porque me agrada vivir en sociedade, traballar en equipo e colaborar cos demais. Por iso, as palabras ilusión, traballo e compromiso son as que reflicten o que pretendo aportar ao formar parte deste gran proxecto, conformado por un equipo humano con gran implicación e que quere, ao igual ca min, o mellor para Foz”, dixo Martínez.

A candidatura completa do PSdeG-PSOE de Foz é:

1. Francisco Cajoto Caserio
2. Inés López Couto
3. Ángel Fernández Neira
4. Ana Matea Rojo Eijo
5. José María Linares Rodríguez
6. Elena Martínez Peña
7. Carlos García Rodríguez
8. Katherina Asunción Alonso Machado
9. Francisco Javier Fraga Fernández
10. Ana Casas Trelles
11. Jesús Hermida Carracedo
12. Maria Luisa Piñeira Núñez
13.José Ramón Villarino Neira
14. Vanina Cabrera Sánchez
15. Jesús Pérez García
16. Beatriz López Rey
17. Alberto Leivas Rodríguez
E como suplentes:
Miguel Pena Ares
Maria Nelly Castro Neira
José Francisco Ramalleira Fraga