Skip to main content
Foz

Foz acollerá actividades do programa Rede Paraugas Alzheimer para crear un grupo de axuda

Por 25 Abril, 2023Sin comentarios

Foz acollerá actividades do programa Rede Paraugas Alzheimer para crear un grupo de axuda mutua para familiares de persoas con demencia. Empezarán este xoves, día 27 de abril, e desenvolveranse na Casa da Cultura de 17 a 19 horas.

A Delegación de Servizos Sociais do Concello de Foz colabora con AFAN de Burela “para levar a cabo un programa Rede Paraguas Alzheimer Rural no noso concello. Vai dirixido fundamentalmente a coidadores non profesionais que atenden a familiares que sofren algunha demencia ou deterioro cognitivo no rural.  Está promovido pola Fundación Barrié e a Federación de Alzheimer de Galicia”, explica a concelleira Ana Rojo.

A edil de Servizos Sociais engade que “o Concello de Foz, a través de AFAN, quere impulsar este tipo de programas co obxectivo de dar apoio e crear unidades de respiro os coidadores, buscando estratexias para abordar e afrontar estes trastornos e doenzas que teñen os doentes no seu día a día e as súas familias e formando grupos de axuda mutua para familiares coidadores non profesionais cuns obxectivos específicos: achegarse de maneira personalizada ás familias para identificar as súas necesidades; poñer en marcha propostas de atención ás persoas con demencia ou nos inicios da enfermidade e as súas familias; colaborar e crear vínculos por parte do noso Concello con este tipo de asociacións (AFAN), que contan con profesionais acreditados neste tipo de enfermidades para crear unidades de respiro ás familias e grupos de axuda mutua formados por persoas coidadoras de usuarios con diversas demencias, Alzheimer, deterioro cognitivo ou fronto temporal, etcétera”.

Estas actividades desenvolveranse de forma presencial para coñecer de primeira man as dificultades e necesidades dos participantes e poder abordar un plan de traballo, de reunión e acompañamento mensual do grupo. Coordinará o profesional que sexa necesario en cada caso ou nese momento (psicólogo sanitario ou terapeuta ocupacional). Estas sesións levaranse a cabo de maneira grupal cun máximo de 12 persoas.

O programa impartiranse na Casa da Cultura de Foz en horario de 17 a 19 horas. As actividades desenvolveranse os días 27 de abril, 10 e 24 de maio e 8 e 28 de xuño durante cinco sesións nas que se ofrecerá formación, se resolverán dúbidas e inquedanzas dos participantes, buscando solucións adecuadas segundo as propias experiencias das persoas coidadoras.

Para anotarse ou calquera aclaración ó respecto os teléfonos de contacto son o 982.133.566, do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz (en horario de mañá) ou no teléfono 982 580 610, da asociación AFAN.

A participación e totalmente gratuíta para todos os que cumpran os requisitos de ser coidadores non profesionais de persoas demenciadas ou que consideren que poden estar nos inicios destas doenzas.

“Esperamos e animamos ás familias a participar deste programa totalmente gratuíto pensado para optimizar a vida do enfermo e poder dar solucións para un menor impacto na carga de traballo dos coidadores e coidadoras”, rematou Ana Rojo.