Skip to main content
Lourenzá

A exposición ‘Don Paco, o pícaro argalleiro’, inaugúrase hoxe no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá

Por 22 Abril, 2023Abril 23rd, 2023Sin comentarios

A exposición Don Paco, o pícaro argalleiro, inaugúrase hoxe sábado ás 11.30 horas, nas instalacións do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.

Trátase da primeira ocasión na que, dentro da programación de actividades dun Día das Letras se inclúe unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado.

A exposición recolle, previo estudo da obra de Francisco Fernández del Riego, os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. Foron Xosé López e Xosé Manuel García, responsables do museo O recuncho das argalladas, radicado no Pazo de Tovar, na mesma Lourenzá, as persoas que decidiron acometer este ambicioso, e sobre todo orixinal, proxecto.

As persoas promotoras son recoñecidas en Galicia e fóra das súas fronteiras como dous dos principais estudosos, na actualidade, sobre o xoguete tradicional. A información que reflicten os paneis que conforman a exposición foi recompilada, como dicimos, previa consulta da obra do autor, pero todo parte dos “prólogos” que don Paco escribiu para dous dos libros con autoría de Xosé López e Xosé Manuel García: Os Xoguetes esquecidos, vol. I e II.

O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego non pode facer outra cousa que saudar a iniciativa e agardar que perdure no tempo, en futuros Días das Letras, porque hai unha realidade evidente: calquera autor, calquera autora homenaxeada, terá xogado de neno/a e mesmo de adulto/a. Tendo en conta que o xogo axuda a conformar a personalidade, a sermos persoas, estudar e sacar á luz os xogos e xoguetes que formaron parte do autor/a axudará a entender mellor a súa vida e a súa obra.

A inauguración estará presidida por autoridades políticas e literarias, e a ela convidamos sinceramente a cidadanía que queira renderlle homenaxe a don Paco, o pícaro argalleiro.