Skip to main content
Ribadeo

A Deputación aprobou a licitación das obras da estrada LU-P-5202, entre Ribadeo e O Alto dos Pinos

Por 15 Abril, 2023Sin comentarios

A xunta de goberno da Deputación aprobou o expediente de licitación das obras de reparación da estrada provincial LU-P-5202, entre Ribadeo e O Alto dos Pinos. O investimento ascende a mais de 135.000 euros e o prazo de execución será de dous meses desde a súa adxudicación.

A concelleira de Obras, Mónica Freire, contou que “a xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o expediente de licitación das obras de reparación en dous tramos da estrada provincial LU-P-5202, entre Ribadeo e O Alto dos Pinos. O executivo provincial deu luz verde á contratación das obras, que se licitan cun orzamento de base de 135.096 euros e cun prazo de execución de 2 meses desde a súa adxudicación”.

A edil ribadense e deputada provincial explicou que “os traballos de mellora levaranse a cabo nesta vía de comunicación principal que une as parroquias de Vilaselán e Piñeira e faranse en dous tramos. As obras iniciaranse desde o barrio da Igrexa, en Vilaselán, ata o do Morgullón en Piñeira, cunha lonxitude de 950 metros. E tamén se rehabilitará un importante treito que está desfeito desde o barrio de Río en Piñeira, ata o encontro desta estrada provincial coa N-634 na rotonda do Alto dos Pinos, cunha lonxitude de 1360 metros. En total son uns 2310 metros cun importe de 135.096 euros”.

Freire Rancaño indicou que “o firme pavimentarase con mesturas bituminosas  en quente, mellorando substancialmente as condicións de seguridade e comodidade para as persoas. Hoxe publicarase esta licitación na Plataforma de Contratación do Estado, e desde mañá as empresas cualificadas terán 26 días naturais para presentar as súas ofertas”.