Skip to main content
Trabada

Formoso e Besteiro arrouparon en Trabada á candidata á reelección como alcaldesa, Mayra García Bermúdez

Por 23 Abril, 2023Abril 25th, 2023Sin comentarios

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, puxo este domingo en valor a “presenza contundente” que están a ter os socialistas no eido local ante a cita do 28M, a base de despregar nos concellos “un discurso moi pegado á defensa dos servizos de protección social”, pero tamén de estímulo ao emprego e e ao tecido económico e industrial.

Formoso participou en Trabada, Lugo, na presentación da candidatura de Mayra García Bermúdez para a reelección como alcaldesa. Referiuse a ela como unha dirixente “moi capaz e competente”, que soubo afrontar as ameazas de despoboamento, falta de servizos e de emprego que están a ter moitas localidades das zonas rurais de Galicia.

Salientou tamén os esforzos feitos pola alcaldesa socialista para levar servizos esenciais de conciliación ou transporte a todo o municipio, así como a residencia de maiores creada no concello da man da Deputación de Lugo e sen apoio algún da Xunta.

“Aquí a Xunta só vén a facer dano”, recriminou Formoso, “vén a intentar pechar Alcoa”, en contra do “sentido común” aportado polos traballadores que chegaron a un acordo co Ministerio de Industria para reabrir no 2024 unha planta da que depende unha parte importante ds riqueza da provincia de Lugo.

Na presentación tamén interviu Besteiro, o delegado do goberno en Galicia, que lembrou a aquela “pícara” que hai oito anos se alzou coa alcaldía de Trabada pedindo a construción dunha residencia de maiores por parte da Deputación de Lugo gobernara quen gobernara despois das eleccións. “Iso é o que nos diferencia a nós do PP”, sinalou Besteiro, quen concluíu que “cando se coñece como se traballa no Partido Socialista, un acaba namorándose do Partido Socialista”.

A alcaldesa de Trabada e candidata, Mayra García lembrou na súa intervención a situación do Concello cando chegou a Alcaldía. “Herdamos un Concello cunha rede de estradas intransitable e moi deteriorada, con inmobles nos que chovía dentro e no que apenas se facían obras. Tampouco se realizaban actividades lúdicas, nin para os máis pequenos, nin para os maiores. Un Concello sen ningún servizo público municipal, porque Trabada lles pertencía a eles, e si tamén, un Concello sen un céntimo”.

Explicou que, tralo impulso de políticas progresistas as tornas cambiaron no Concello de Trabada. “Agora xa aparecemos no mapa, nestes intres o noso concello lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia, tal e como sinalan os estudos das Universidades de Santiago e A Coruña. E fixémolo poñendo en marcha propostas como o punto de atención á infancia, así como diferentes programas de conciliación que antes non existían”, sinalou Mayra García.

“Polo tanto, os datos evidencian que hai dous modelos ben diferenciados de xestionar os recursos públicos en Trabada. O modelo do Partido Popular, de abandono e desidia e o modelo do Partido Socialista de traballo e xestión que como resultado ten a obtención de máis recursos que permiten, por unha banda, prestar servizos de calidade aos nosos veciños e por outra mellorar infraestruturas e inmobles. Pero todo isto non podo facelo soa, para iso rodeeime dun equipo de persoas que me aportan e que me apoian. Somos un equipo de 9 mulleres e 2 homes con ganas de seguir traballando e non primar os intereses individuais como moitos dos que van na lista do PP”, remarcou a rexedora.

“Quero ser alcaldesa para traballar, para mellorar o noso pobo, con humildade e con respecto. E desta forma, os socialistas queremos seguir traballando para que Trabada teña máis recursos, poñéndolle corazón ao que facemos, nesa búsqueda constante para mellorar, porque cando traballamos con amor, nótase. Porque temos proxecto, forza e ganas para seguir traballando por Trabada, pídovos o voso apoio para seguir xestionando e que se siga vendo cada euro que conseguimos en beneficio do noso pobo”, dixo .

LISTA

1. Mayra García Bermúdez
2. Julia María Barcia Fernández
3. Rubén García Freije
4. Mari Carmen Amor Prieto
5. Suevia Reimondo Gasalla
6. Rosa María Pérez Prieto
7. Pablo González Lastra
8. Alba Yanes Fernández
9. Guadalupe Rego Rodríguez
S1. Milagros Gomez Fernández
S2. Alicia Yanes Maseda