Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Medio Rural da Deputación duplica o orzamento do programa Da escola á granxa

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

Medio Rural da Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa de visitas escolares a granxas e empresas agroalimentarias do rural Da escola á granxa.

A Xunta de Goberno provincial aprobou este venres as bases da convocatoria, cun importe de 80.000 euros, o dobre de orzamento que na primeira edición, e unha oferta formativa ampliada, con máis gandeirías e producións agrícolas que se incorporan a este proxecto que achega as novas xeracións ao rural, amosando a importancia do sector primario para a producíon de alimentos saudables, a conservación do medio ambientes e da cultura tradicional.

A deputada Mónica Freire suliñou o reforzo desta iniciativa pioneira que “espertou moito interese tanto das Anpas e dos colexios como nas gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”.

A responsábel provincial adiantou que “o catálogo educativo que se ofrecerá as Anpas inclúe 29 granxas, repartidas por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas” e “tamen obradoiros de educación ambiental impartidos pola asociación Adega”.

Solicitudes

A convocatoria publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria, con prioridade para as de concellos con menos de 20.000 habitantes. Medio Rural da Deputación achegará entre 300 e 900 euros para que as asociacións de nais e pais afronten os gastos relacionados coa actividade.