Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Abrirá a mediados de mes unha nova campaña de campamentos de verán

Por 7 Abril, 2023Sin comentarios

Na provincia de Lugo desenvolveranse oito campos de voluntariado en Folgoso do Courel, Pantón, Quiroga, Palas de Rei, Friol, Guitiriz, A Pobra do Brollón e Castro de Rei.

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 volve bater todos os récords históricos con máis de 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas, 400 máis que o ano pasado, sendo Galicia a Comunidade Autónoma que máis prazas oferta.

Entre as novidades desta edición, que leva por título O verán que sempre vas lembrar, está a incorporación dun novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela. Tamén destacou a creación de novos campos de voluntariado en Santa Comba, Viana do Bolo, Pantón e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz; así como un campo de voluntariado específico para mozos galegos no exterior en Castro de Rei. Así mesmo, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria, ademais de crear un novo en Castela-A Mancha.

O obxectivo para esta campaña de verán é que as mozas e mozos de entre os 9 e os 30 anos pasen un verán inesquecible e para que as familias conten cun recurso de conciliación fundamental durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. Con este fin, a Xunta pon a disposición da xente nova un total de 36 instalacións xuvenís por toda a xeografía galega para levar a cabo as diferentes actividades de ocio e tempo libre dos campamentos.

As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o vindeiro 18 de abril, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.

Campos de voluntariado

Por outra banda, a Xunta ten listo tamén o programa de campos de voluntariado. En total, ofreceranse 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas en Cíes. As solicitudes poderán presentarse tamén desde o día 18 mediante un formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude.

Por provincias, a localización e nome dos campos de voluntariado é a seguinte. Na da Coruña haberá trece: Vilarbó (As Pontes); Lembrando a nosa pegada (Outes); Alí, Xaz (Ponteceso); Luces de Boimorto (Boimorto); O batán do Mezonzo (Vilasantar); Arboretum (Mesía); Dunas de Corrubedo (Ribeira); Monte da Espenuca (Coirós); Amicos (Boiro); Castro de Lupario (Rois); Visualizando Camiños (Boqueixón e Vedra); Castro de Montesclaros (A Laracha) e A Braña da Serra (Santa Comba).

Na provincia de Lugo, desenvolveranse oito campos de voluntariado en Castro da Torre (Folgoso do Courel); Castro da Guitarra (Pantón), Pena Furada (Quiroga); Xuventude é Camiño (Palas de Rei); Friulio (Friol); Da auga e da pedra (Guitiriz); Castro e Romaría de San Lourenzo (A Pobra do Brollón); e Castro de Viladonga’(Castro de Rei).

Na provincia de Ourense, terán lugar once campos: Esgos; Teatro do Bibei (Viana do Bolo); Loñoá (O Pereiro de Aguiar); Larouco; Castelo de Monterrei (Monterrei); Do audiovisual galego (Celanova); Parque natural do Xurés (Muiños); Sapere Aude (Vilar de Santos e Allariz); Saberes de onte e de sempre (Bande); Destino Vilariño (Vilariño de Conso); e Recuperando o tempo esquecido (A Veiga).

E na provincia de Pontevedra celebraranse catorce campos de voluntariado: Ruta de Palacios (O Porriño); Aldea Alfacuca (Mos); O Camiño Portugués pola costa (Oia); Tradición en verde (Lalín); Shinrin Yoku (Soutomaior); Salvemos o mar (Vilanova de Arousa); Rural influencers (Cerdedo-Cotobade); A terra que habita o mar (O Grove); Illa de San Simón (Redondela); e as cinco quendas en Cíes.

As temáticas dos campos de voluntariado son moi diversas: medioambiental, arqueolóxico e patrimonial, social, cultural, etnográfico, audiovisual ou teatral, entre outras.