Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O primeiro equipo do Lugo Sala faise co título de campión da Segunda División B

Por 24 Abril, 2023Sin comentarios

O CD Lugo Sala fíxose esta fin de semana co título de campión de liga da Segunda Divison B, malia caer derrotado. O conxunto branco visitaba a pista do CD Unión Arroio, equipo que se está xogando a continuidade na categoría, e aos lucenses non lles saíu o partido esperado, sobre todo en ataque onde nesta xornada mostráronse pouco efectivos. Ao final a derrota por 3 goles a 1 fíxose menos dolorosa xa que o Gardo non era capaz de superar ao Villalba FS (2-2) e ese empate dáballe matematicamente o título de liga aos de Dani Díaz. No primeiro ano na categoría os branquivermellos suman un novo título ás vitrinas do club e agora seguirán preparándose para as eliminatorias do playoff de ascenso.

Nun primeiro período sen demasiadas ocasións no seu tramo inicial, o CD Lugo Sala conseguiría adiantarse co 0-1 e logo os locais voaríanse máis en busca do empate que chegaría a cinco minutos do descanso e mesmo nese momento de dominio o CD Unión Arroio aproveitaba para adiantarse antes do intermedio co 2-1. Tras ese paso polos vestiarios o equipo dirixido por Dani Díaz sería absoluto dominador do partido, xerando o maior perigo en ataque, pero nesa parcela os lucenses mostráronse negados nesta xornada, estrelando ata catro balóns nos paus no segundo período que quedou condicionado polo 3-1 local, nunha acción desafortunada antes da media hora de partido, algo que puxo o partido moi costa arriba para os galegos vendo o día como o tiñan en ataque. Seguírono tentando os nosos, mesmo con porteiro-xogador, pero non lograrían sacar rendemento ao xogo de cinco. Ao final a xornada volveuse máis doce cando chegaba a noticia do empate do Gardo.

O vindeiro sábado 29 de abril o equipo poderá celebrar o título de liga ante a afección, aínda que coa vista posta nunha nova vitoria xa que restan dúas xornadas por disputarse nas que seguirá sendo importante sumar o maior número de puntos polo coeficiente de vitorias e puntos co resto de grupos da 2ª B para os playoffs de ascenso. Os lucenses recibirán ao Sala Ourense desde as 18:00 horas no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.