Skip to main content
Lugo

Entrevista: “É un libro que fala da sociedade de Lugo a través da música”

Por 15 Abril, 2023Abril 16th, 2023Sin comentarios

O libro ‘Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo’ realiza unha viaxe a través do tempo para recoller toda a historia da música da cidade de Lugo nas diferentes épocas históricas. Falamos con Juan Castro, autor do libro, sobre o traballo de investigación e o proceso que hai detrás da creación deste libro.

Como nace a idea para crear o libro ‘Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo’?

Toda a miña vida estiven metido no ambiente musical e como case en calquera gremio, eu son un batalliñas cos amigos, os músicos somos de quedar e vas lembrando esta historia e a outra. Así que fai cinco anos roldoume a idea de ordenar un pouco todas as cousas que eu lembraba dos grupos nos que participara.

Nun primeiro momento era un proxecto persoal, algo para min, para lembrar eu. Pensaba que tiña unha moi boa memoria e que me acordaba ben de todas as cousas pero cando empecei xa me dei conta de que non era así.

A raíz disto decidín facelo un pouco máis en serio, sentarme, planificarme e organizar as ideas, ademais quería tentar buscar grupos coetáneos da época para poñelos tamén.

Durante o 2017, 2018 e 2019 foi un proceso intermitente, tiña a idea, escribía un pouco, preguntaba aquí e alá pero non era nada serio, nin sequera eu pensara que iso fose rematar nun libro, simplemente un traballo persoal para ter esa información gardada.

Como se transforma un proxecto persoal nun libro destas características?

No momento en que empezo a traballar de verdade e comezo a escribir encóntrome con que non hai nada escrito en Lugo sobre a historia da nosa música mais alá dalgún libro de grandes autores como Xoán Montes ou Gustavo Freire e aínda así hai moi pouco material en xeral.

Antes de que chegase a pandemia xa tiña a idea de que ía transformar esa información nun pequeno libro, pero sempre co obxectivo de facer algo para min, os meus amigos e xente coñecida. Algo sobre a música moderna, dos anos oitenta para diante que é cando empeza o rock na cidade.

Pensei que ía ser un traballo de realizar algunhas chamadas, pero de súpeto e non sabería dicir en que momento fóiseme das mans. Sei que a pandemia foi un punto e aparte porque deume tempo para escribir, pero xa antes nalgún momento vin que había posibilidades, que era un proxecto que podía ter moi boa pinta enfocado dunha maneira atractiva.

A pandemia concedeume tempo para escribir pero sobre todo para investigar. Aprendín a investigar e todas as semanas ía dous días ao arquivo municipal, lin todos os libros que puiden, fixen cento cincuenta entrevistas persoais e foi unha gran cantidade de horas investidas para sacar adiante este libro.

Como lle dás forma ao libro?

Cando comecei a escribir decateime que eu non quería facer unha enciclopedia musical, o libro non vai diso, eu quería facer algo máis narrativo e buscar outro fío que non fose simplemente unha enciclopedia chea de información ordenada.

A información que tiña era unha chea de arquivos, informacións escritas de épocas diferentes e todo sen unir polo que decidín que o nexo que ía vertebrar todo o libro tiña que ser un eixo cronolóxico. O libro comeza coa música en Lucus Augusti e abarca desde Lucus Augusti ata o 2021.

Non é un libro para un musicólogo senón que é un libro para todo o mundo e, para que aqueles que o lean, entendan o que pasou en Lugo no ano 100 e no 2000. É un libro sinxelo e didáctico.

Ao final abarco todos os estilos, en todas as épocas e en todas as xeracións para que non quede ninguén fóra, e por se isto fose pouco, non só de Lugo, senón de toda a provincia.

Entre o 2019 e o 2020 atopeime con miles de folios de información e foi entre o 2020 e o 2021 cando lle dei o formato, escrito en galego e cunha persoa que viaxa no tempo e vai observando o que pasa en cada época e como vai cambiando a cidade.

O libro está contado polos seus personaxes, non por min, eu tentei falar coa maioría de grupos para que me contasen as súas anécdotas, como se formaron, onde ensaiaban e así vou contando como vai cambiando a sociedade de Lugo co paso dos anos a través da música. Vas vendo en Lugo que sitios había, e ves a cidade dunha maneira diferente porque coñeces cousas que nin imaxinabas que sucederan. É un libro que fala da sociedade de Lugo a través da música

Como é o proceso de traballo e de contactar con todos estes grupos?

Cando xa tiña un pouco máis clara a idea, antes de falar cos grupos realizaba un traballo de investigación sobre que grupos había en cada época. Por exemplo nos anos sesenta a min soábame un grupo, da época dos meus pais, pero cando realizo o proceso de investigación e vou á hemeroteca atópome con que son moitos os grupos que hai nesta época. Algúns efémeros pero outros tiveron unha relevancia incrible. 

Unha vez que tiña esa información púñame en contacto con algún dos integrantes dos grupos e a verdade é que todo o mundo me puxo moitas facilidades e colaborou en todo momento comigo e co proxecto. A través duns grupos contactaba con outros, membros dalgún grupo pasábanme contactos doutras persoas e foi cando me dei conta que podía tirar do fío e empecei a ter moita información. 

Foron centos de chamadas de telefono, correos, comidas e cafés. Moita xente que me enviaba tamén fotografías e así terminei cun arquivo fotográfico inasimilable para o libro, máis de cincocentas imaxes, que ao final de facer unha selección van sobre unhas cen publicadas.

Que foi o máis difícil de todo o proceso?

O mais duro foi rematalo. Houbo momentos, sobre todo este ano e o pasado, que pasei por todas as dúbidas, se publicalo ou non, facelo só ou con editorial. Este último mes e medio de edición foi directamente á saúde e supúxome un estrés incrible. 

Pero o mais difícil foi sacalo, porque escribilo foi un pracer, goceino moitísimo, poder coñecer a toda a xente coa que falei, iso é un gran agasallo. O que máis desfrutei foi escribilo sen dúbida, desde o proceso de investigación que foi o primeiro paso durante case tres anos ata ordenalo, decidir o enfoque e escribilo. O mundo editorial é o mais pesado para min, pero é necesario. 

Ao final atopei unha editorial en Lugo, Tris Tram que me axudaron moito no proxecto, ademais tamén contei coa colaboración de Marcos Vigo, artista gráfico e maquetador, a portada pertencen a Café con Gotas e o deseño en 3d da portada é de Manuel Duro. Ademais o libro conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Estou moi contento con grafismo final que ten o libro e conta con máis de cen fotografas de todas as épocas, aparecen datos inéditos da historia musical de Lugo, e tamén fotos inéditas de moitos grupos de Lugo.

Cando son as presentacións?

A primeira presentación é o día 20 de abril no Clavicémbalo en Lugo, o 22 de abril estaremos en Foz, o 27 de abril en Vilalba, o 4 de maio en Sarria, o 5 en Chantada e o 6 en Monforte.

En todas as presentacións vai actuar un grupo da zona, aquí en Lugo serán Os Gansos, un grupo dos 90 que se volven a reunir para esta actuación, e haberá algunha sorpresiña máis. 

En Foz vai tocar un grupo que se chaman Fantástico Sintético, un grupo de versións moi coñecido na zona, en Vilalba tocarán Irmandade do Falo, en Sarria Malditos Roedores, en Chantada o grupo folk Tira para alá e en Monforte os Gin Tonys. 

A idea da presentación será falar un pouco do libro e terminar cun evento musical.