Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Somos a primeira notaría situada en Bispo Aguirre”

Por 16 Abril, 2023Abril 17th, 2023Sin comentarios

Tras quince anos traballando nas Pontes, Angel Castelló continúa desde hai uns meses a súa carreira de notario na cidade de Lugo. Situado na rúa Bispo Aguirre número 20, falamos con el sobre este novo comezo e a súa historia persoal.

Sempre foi a súa vocación estudar dereito?

Ao rematar BUP e COU a miña verdadeira vocación era ser xornalista deportivo, era un apaixonado da radio, gustábame moito escoitar os programas deportivos das fins de semana e entre semana tamén me quedaba ata altas horas da madrugada escoitando programas. Ser xornalista deportivo é o que quería. 

Naquela época a carreira de xornalismo estaba en Madrid, Barcelona e tamén nalgunhas universidades privadas e os meus pais non podían permitirse o luxo de que eu estudase nunha universidade privada entón descarteino por motivos económicos e matriculeime en dereito.

Ademais tamén son profesor de música na especialidade de clarinete, aínda que nunca exercín a nivel profesional, sempre de xeito afeccionado tocando en bandas. Cando teña algo máis de tempo libre gustaríame integrarme nalgunha agrupación musical de Lugo.

Que lle leva a escoller notaría entre todas as saídas profesionais que ofrece o dereito?

Cando comecei dereito non tiña un rumbo claro, pero a medida que avanzaba a carreira fun descubrindo que me gustaba o mundo das herdanzas ou as sociedades mercantís moito máis que o dereito penal ou internacional. 

Por iso máis ou menos a falta dun ano para terminar decanteime pola opción de estudar a oposición de notario.

Traballou nas Pontes durante 15 anos, como foi o cambio?

Nos quince anos que traballei nas Pontes estiven moi a gusto e sempre estarei agradecido á xente de alí porque me trataron sempre xenial. Cando se xubilou un notario aquí en Lugo e saíu a concurso a praza soliciteina, porque eu vivo en Lugo desde hai 14 anos, pero pensando que habería xente con máis experiencia. Finalmente adxudicáronma e iso xa supuxo o traslado. 

O cambio foi radical porque nas Pontes estaba eu só e coñecía a todo o mundo e aquí chego a unha cidade onde hai seis prazas de notaría e cada unha ten xa a súa clientela consolidada e costa moito traballo abrirse camiño. Un local novo, empregados novos e pelexar coa competencia.

Onde ten o despacho aquí en Lugo e que servizos ofrece?

O despacho está situado na rúa Bispo Aguirre número 20, somos a primeira notaría situada nesta rúa. A pesar de que a que eu herdei estaba na Rúa da Raíña considerei abrir noutro espazo porque as notarías están situadas todas nun pequeno radio e tendo en conta que a rúa Bispo Aguirre ten un tránsito de xente enorme decidín facer o cambio. Agora estamos situados nun baixo que cumpre todas as condicións de accesibilidade. 

Os servizos son os xerais dunha notaria, testamentos, aceptacións de herdanza, constituír sociedades mercantís, agora mesmo tamén teñen moita demanda os matrimonios e divorcios ante notario, poderes tanto de persoas físicas como de sociedade, hipotecas ou compra vendas.

Como foron estes primeiros meses de traballo?

Os primeiros meses foron complicados, porque a xente non sabía que había unha notaría aquí e iso unido a que abrimos en xuño e os primeiros meses de verán son mais ben turistas os que pasean polo centro de Lugo foi difícil. 

Comezamos a ser coñecidos na época de San Froilán e anunciámonos moito. Tamén me dei a coñecer nos grupos de empresarios e emprendedores BNI existente na cidade de Lugo e creo que aos poucos vou aumentando o meu volume de clientes.

Que é o que máis desfruta do seu traballo? E o que menos?

O que máis desfruto é cando veñen uns herdeiros con moitas discrepancias, darlles as explicacións oportunas, ben xuntos ou ben por separado e conseguir un acordo, ás veces nun papel máis de mediador. A maior satisfacción é resolver asuntos complicados.

E o que menos me gusta é a antítese do anterior, cando xa de por si o traballo é complicado e os clientes van aumentado as complicacións e dan moitas voltas e tárdase moito en resolver, a indefinición da xente é o que menos me gusta.

Que lle parece Lugo como cidade? Que é o que máis lle gusta?

Gústame moito vivir en Lugo, síntome moi a gusto e gozo moito das grandes festas como o Arde Lucus e o San Froilán. 

A gran e variada oferta deportiva da cidade tamén é algo que desfruto, desde o Breogán, o CD Lugo, o Emevé ou o Ensino, ofrece grandes posibilidades para gozar do deporte. Nas carreiras populares, como o Corre con Nós participa moita xente. 

Tamén valoro de Lugo as asociacións culturais como a Filarmónica de Lugo ou o Círculo das Artes. Gústame a diversidade cultural da cidade e que é unha cidade moi cómoda e con bos servizos.