Skip to main content
Lugo

As instalacións eléctricas da Casa dos Deportes e do Palomar serán renovadas

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

As instalacións eléctricas do Pavillón Municipal dos Deportes e O Palomar serán renovadas co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética. Así o informou a alcaldesa, quen visitou ambas infraestruturas acompañada do edil de Deportes, Mauricio Repetto. “Queremos seguir avanzando no noso modelo de cidade, e iso implica apostar por actuacións que supoñan un aforro enerxético e de emisións contaminantes, como as que se levarán a cabo nestas dúas instalacións deportivas”, explicou Méndez.

A rexedora subliñou que “estas obras levaranse a cabo no marco da estratexia DUSI Muramiñae, dentro do obxectivo temático 4, que busca favorecer a transición cara unha economía baixa en carbono”. En concreto, enmárcanse na liña de actuación denominada “Actuacións de eficiencia enerxética”, dotada cun importe total de 466.666,68 euros.

No caso do Palomar, procederase á renovación da instalación eléctrica por atoparse obsoleta a existente. “Con esta acción queremos conseguir unha maior eficiencia enerxética, reducindo e racionalizando o consumo asociado a unha modernización tecnolóxica”, explicou Méndez. O orzamento dos traballos será de 31.219,91 euros. Procederase ao desmonte dos proxectores existentes, e instalaranse no mesmo cerco uns novos de tipo LED. Actualmente, o proxecto xa está finalizado e as obras comezarán nas vindeiras semanas, cun prazo de execución máximo de 2 meses.

En canto á renovación eléctrica do Pavillón Municipal de Deportes, Lara Méndez informou que “se está a finalizar a redacción do proxecto e a actuación superará os 200.000 euros”. A previsión é que se poida licitar e adxudicar neste segundo trimestre do ano para que as obras estén rematadas antes de terminar 2023.

Co fin de mellorar a eficiencia enerxética da iluminación deste pavillón deportivo, actualmente  constituído, na súa maioría, por lámpadas obsoletas e de elevado consumo enerxético proponse a súa substitución por lámpadas de tecnoloxía led, adecuadas a cada espazo iluminado. Correxirase, así mesmo, o ángulo exposto da iluminación, pois a iluminación deportiva existente,  crea  sombras,  polo que se levará a cabo a substitución e recolocación dos proxectores de pista co fin de conseguir unha luminosidade homoxénea. Respectaranse, por outra banda, as liñas de aceso e os xogos de luz que permiten realizar as luminarias actuais. E tamén se substituirá toda a iluminación exterior por lámpadas de tecnoloxía led, incluíndo as letras corpóreas da fachada do pavillón.