Skip to main content
LugoParadela

Unha vaca tallada en madeira adorna a Facultade de Veterinaria grazas ao artista de Paradela Álvaro de la Vega

Por 3 Abril, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

Álvaro de la Vega, artista recoñecido de Paradela, cedeu á Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, unha vaca tallada en madeira de plátano.

Logo de varios meses de traballo, de la Vega manifestou a súa satisfacción por poder expoñer esta peza na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, “un escenario ideal”, dixo, para logo engadir que a súa vontade é a de que deixar esta creación en depósito na sede universitaria luguesa, “o primeiro enclave universitario no que se pode contemplar a miña obra”.

A instalación da peza ‘Atavismo’ no vestíbulo da Facultade de Veterinaria da USC espertou o interese doutros artistas por utilizar este emprazamento como lugar de exposición das súa obra, tal e como se puxo de manifesto no proceso de montaxe desta talla, que está estruturada en tres grandes bloques de madeira tallada, indicou de la Vega.

O decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández Suárez, agradeceu a Álvaro de la Vega a súa “xenerosidade” por compartir coa comunidade universitaria, en particular, e con toda a sociedade, nun contexto máis amplo, a beleza da súa obra escultórica.

A talla da vaca

O simbolismo desta talla, unha escultura de grandes dimensións (220 x 160 x 105 cm) recrea case a tamaño real un dos animais máis representativos da sociedade luguesa e galega.

Deulle o nome de ‘Atavismo’ para manter viva a chama do medio rural e a fonda pegada deixada durante séculos polos seus habitantes, na súa maior parte, labregos e gandeiros.

Álvaro de la Vega potencia así o atavismo desta talla, unha figura animal que reproduce a fisonomía dunha vaca de raza de rubia galega, coa inclusión de copias dalgunhas das primeiras representacións artísticas deste animal.

Unha das singularidades desta obra, explica De la Vega é precisamente “a inclusión de copias de debuxos e pinturas de vacas na arte rupestre”.

Algunhas destas representacións, engade, “xa aparecen nas Covas de Altamira, mentres que outras imaxes tamén foran antes identificadas en xacementos artísticos localizados no Mediterráneo e do Sur de Francia”.

Desta maneira, de la Vega revitaliza así as ideas e formas de vida propias de xeracións pasadas que propiciaron o establecemento deste centro universitario na capital dunha provincia que de sempre atopou no sector agrogandeiro o principal resorte da súa actividade económica.