Skip to main content
Lugo

Reabren os parques infantís de Aviador Parga Cerezo e Roi Xordo

Por 4 Abril, 2023Sin comentarios

O parque infantil da rúa Aviador Parga Cerezo, preto do CEIP Rosalía de Castro, e o sito en Roi Xordo, fronte ao CEIP Illa Verde, volven estar a disposición dos máis pequenos unha vez que finalizaron as obras de remodelación de ambos os dous espazos, nos que se investiron preto de 100.000 euros.

Estes espazos foron recentemente renovados enmarcados dentro do Plan de Mellora dos Parques infantís co fin de ampliar e renovar as zonas de lecer pensadas para os máis pequenos.

Parque infantil de Roi Xordo

O parque de Roi Xordo ampliouse de 87 m2 a 147m2. para atender a gran demanda xa que é moi frecuentado polos nenos e nenas do colexio e do barrio de Fingoi, e as súas dimensións actuais resultaban reducidas para a cantidade de usuarios que acolle habitualmente.

O executivo municipal destinou 48.339 euros a acometer estes traballos, que incluíron a ampliación da área de xogos e a incorporación do beirrarúas perimetral que rodea o parque dentro do recinto de xogos; a renovación completa do chan, con instalación de pavimento de caucho de cores; a reparación e adaptación dos xogos existentes (lixado, pintado, barnizado e reposición de pezas deterioradas), así como a súa reubicación na nova superficie, xunto coa instalación de dous novos xogos para completar o espazo que se amplía.

En concreto, instalouse un multixogo con torre –con tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira– e un balancín con temática de vehículos, con capacidade para 4 nenos/as.

Parque infantil da rúa Aviador Parga Cerezo

No parque Aviador Parga Cerezo investíronse preto de 50.000 euros para acadar unha mellora estética xeral do recinto e a súa ampliación, nunhas dimensións de 4,00×10,5 metros.

A actuación incluíu a substitución do pavimento de caucho con xogos de cores, a renovación dos actuais xogos e a instalación dunha nova torre multixogo con dous tobogáns.