Skip to main content
Lugo

O XXI Encontro de Danza terá lugar o 12 e 13 de abril

Por 4 Abril, 2023Abril 5th, 2023Sin comentarios

O XXI Encontro de Danza do Campus de Lugo, un evento organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, bota a andar o mércores 12 de abril, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber.

O encontro dará comezo coa presentación da performance Espazos abandonados, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC. O elenco de bailaríns desta peza, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Ludovico
Einaudi, está integrado por Lucía Fernández, Candela Gamallo, Irene Insua, Julia Lacleta, Daniela Mangas, Brais Rodríguez e Elena Sánchez.

A compañía D-ou-tras, do campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da primeira xornada do XXI Encontro de Danza coa presentación de Corpos celestes, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra, que conta con coreografía de Nuria Sotelo.

A compañía de Danza da USC, xunto coa formación Sen Vergoña, integrada por alumnado do programa de IV Ciclo da USC e que conta tamén con Juan Carlos Zahera como director artístico, pecharán a primeira xornada deste encontro de danza coa función Alento.

Esta nova produción da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento.

Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.

O alumnado de danza contemporánea da USC abrirá de novo o xoves 13, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, a segunda xornada do XXI Encontro de Danza cun novo pase da performance Espazos abandonados. De seguido, a aula de danza da Universidade da Coruña presentará Á espera de.. , unha proposta escénica que reflexiona desde o movemento sobre o acto de agardar. Inspirada na obra de Samuel Beckett, Á espera de Godot, a coreografía desta intervención é de Alba Fernández Cotelo  e coreografía colectiva.

As bailarinas e os bailaríns serán Daniela Castellanos, Remedios Cuba, Cristina Nogueira, Alfonso Louro, Elías Álvarez, Fabiola Fraga, Tania Galán, Estefanía Calo, Ana Blanco, Aida García, Jacqueline Reimúndez, Marta Argüelles e Lucía Castro. Unha vez rematada a interpretación desta composición, as compañías de danza da USC pecharán o encontro cun segundo pase da obra Alento.