Skip to main content
Lugo

As consecuencias das especies exóticas invasoras a debate nos ‘Encontros de Lúa Chea’

Por 5 Abril, 2023Abril 6th, 2023Sin comentarios

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído este ano na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, ofrece o xoves 13 de abril, a partir das 19.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, un novo foro de debate arredor dos efectos que están a producir as especies invasoras en Galicia.

A xornada, que se desenvolve baixo o título Bioinvasións: desastrosas consecuencias, permitirá ao público asistente ampliar os seus coñecementos sobre as especies exóticas invasoras, que, segundo o BOE, son “aquelas que se introducen ou establecen nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que actúan como axentes de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”.

O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC Carlos Real, e a investigadora do grupo Ecoagrasoc da USC Mariam Ferreira Golpe serán as encargadas de abordar esta temática nun foro que estará moderado por Teresa Rodríguez López, profesora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física no Campus Terra da USC.

A problemática que supoñen as especies exóticas invasoras, cando menos no plano ecolóxico, xustifica xa a celebración desta sesión monográfica, pois cómpre non esquecer que as especies exóticas invasoras son a segunda causa máis importante na perda de biodiversidade a nivel mundial. En Europa, unha de cada tres especies nativas está en perigo crítico de extinción por causa desta ameaza, que trae competencia polo alimento, introdución de novas enfermidades, hibridación, alteración de hábitats ou de comunidades de especies…

Pero tamén hai que poñer o foco sobre o impacto que causan nas actividades humanas (pragas en agricultura ou en explotacións zootécnicas, danos en sistemas de rega ou de captación de auga…) e mesmo na nosa saúde.

O rápido avance das máis de 200 especies exóticas invasoras que hai en España, algunhas tan daniñas coma a  avespa asiática , o  xacinto de auga , a  uña de gato , as  acacias , a  herba da Pampa  ou o  visón americano , fundaméntase nas características das propias especies. Pero moitas veces, o incremento das poboacións destas especies vese tamén favorecido pola inacción ou a falta de coordinación entre unhas administracións públicas que deberían actuar como barreira ante ese avance e non permitir a extensión sen control das especies exóticas invasoras.