Skip to main content
Lugo

Presentada unha nova empresa que contará con financiamento do Lugo Tranforma

Por 11 Abril, 2023Abril 13th, 2023Sin comentarios

Esta mañá foi presentada a terceira das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma, artellada xa durante a pandemia para favorecer a diversificación industrial e crear emprego estable e de calidade no municipio.

Acompañada de Jesús Torres, Conselleiro Delegado de Torsa Capital e da analista Marta Baltar,  Lara Méndez deu a benvida a InVerbis Analytics como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.

“InVerbis naceu como un proceso de incubación e transferencia tecnolóxica desde CiTiUS, o Centro Singular de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela. Era o ano 2020 e xurdía coa vontade de introducir no mercado vantaxes para as empresas encamiñadas a xerar importantes aforros de xestión, automatizar as súas operacións de maneira rápida e efectiva e facilitar os procesos de certificación. Hoxe, case tres anos despois, os seus algoritmos están á vangarda internacional, ofrecendo a que xa se considera a ferramenta de minaría de procesos máis flexible que existe neste momento”, explicou a rexedora.

Lara Méndez referiu tamén que, co apoio de Lugo Transforma, do que recibirá 400.000 €, InVerbis poderá afrontar o fortalecemento da compañía integrada nestes momentos por 14 persoas, entre as que figuran dous doutores de física, un doutor en enxeñaría de computación, e dous enxeñeiros industriais con posgraos en big data e intelixencia artificial.

“A previsión de xeración de emprego que teñen é a de cuadriplicar o seu cadro de persoal dende agora e até o 2025, creando 38 novos postos de traballo para os que botarán man de perfís saídos directamente dos graos dos que dispón a USC en Administración de Empresas, Marketing, Publicidade, Avogacía, Relacións Laborais e Empresa e Tecnoloxía”, avanzou a alcaldesa.

“Ademais, a sociedade, que xa está domiciliada en Lugo e conta cun centro de traballo na cidade e con persoal residente no municipio, vén de asinar un convenio de prácticas co Campus lucense e pronto trasladará unha oferta para a realización con eles de Traballos de Fin de Grao, resultando así unha excelente fonte para captar talento, nomeadamente, nos ámbitos da enxeñería, a robótica e o marketing”, subliñou Méndez, ao tempo que apuntou que “o fondo Lugo Transforma terá, por tanto un impacto transcendental no desenvolvemento de produto e nese esforzo de expansión, tendo en conta que InVerbis traballa nunha categoría de software moi nova e cuxo alcance é global. Só existen ao redor de vinte empresas en todo o mundo dedicadas ao mesmo vertical polo que a composición da súa carteira de clientes necesariamente estará orientada cara o mercado internacional, máis aló do nacional, que tamén”, engadiu a rexedora.

Este último termo, foi ratificado así mesmo por, Gonzalo Martín, Alejandro Ramos e Sonia Martínez – CEO, director científico e responsable de dirección e administración da empresa, respectivamente, – que puxeron de manifesto que, actualmente, reciben moitas máis chamadas dende o estranxeiro que dende España polo que “co apoio que nos dará Concello trataremos de aproveitar importantes oportunidades que xa se albiscan en proxectos relacionados cos sectores da loxística, administración pública, banca, xestión hospitalaria e industria do automóvil”, afirmaron.

“Somos un tipo de produto para xente que quere regresar á súa cidade se a deixaron porque buscaban un traballo que non podían exercer pola falta de diversificación na súa localidade. Esa combinación é a que nós ofrecemos e que cremos que aquí se pode desenvolver magníficamente ben. Queremos converter a Lugo no centro de todo”, engadiu Gonzalo Martín.

Neste mesmo sentido, Jesús Torres, de Torsa Capital, destacou o potencial de InVerbis, da que sinalou “está conseguindo posicionarse como marca no sector, á que lle vemos unha gran fortaleza no equipo executivo que acumula anos de experiencia en xestión empresarial, desenvolvemento do negocio e tecnoloxía da información, así como no consello científico asesor que os acompaña con experiencia en tecnoloxías intelixentes ou aprendizaxe automático. InVerbis compite nun mercado relativamente novo e con moi boas expectativas de crecemento, con moito campo aberto para traballar xa que ao redor do 97% das empresas aínda non se incorporaron á minaría de procesos”.

Por outra parte, o Conselleiro Delegado da xestora indicou, que “nestes momentos, e con máis de medio cento de proxectos interesados no fondo, hai xa 30 en diferentes fases de análise, algún deles moi avanzado e cuxas propostas de investimento agardamos poder presentar no próximo Comité que se convocará para a última semana de abril”, adiantou.

Antes de concluír, a rexedora lucense puxo en valor a consolidación paulatina da estratexia “que unha vez máis amosa a súa capacidade de atracción para que empresas innovadoras e á vangarda, creadas ou que xorden noutros lugares, se asenten en Lugo converténdonos nun referente para a captación de talento”.

“InVerbis é xa o terceiro proxecto que aterra no fondo, xunto a LexDigo e Innogando. Xuntos crearán en torno a 120 postos de traballo directo. Son 120 oportunidades para os e as lucenses de atopar un emprego de calidade e estable na nosa cidade. Esta é a verdadeira esencia do Lugo Transforma. Que empresas, de gran proxección, referentes no seu sector atopen a man tendida da Administración para despegar e expandirse, porque co seu crecemento tamén crece e prospera a cidade”, sostivo a alcaldesa de Lugo.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo – que mobilizou 12 millóns de euros – e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.