Skip to main content
Lugo

San Marcos conta cunha escultura en tributo ás persoas e colectivos que traballaron na primeira liña durante a pandemia

Por 14 Abril, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo abriu ao público unha escultura que encargou para render homenaxe ás persoas e colectivos que traballaron na primeira liña durante a pandemia da Covid-19. O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, xunto ao autor, Miguel Couto, descubriu esta peza de bronce que se atopa instalada nos xardíns do Pazo de San Marcos.

A escultura leva o nome Os que nos coidan porque está pensada para que a veciñanza da provincia lembre ao persoal sociosanitario, Forzas e Corpos de Seguridade, institucións, entidades e todas as persoas que contribuíron a protexer e coidar da poboación durante a pandemia. A peza, que é transitable no seu interior, representa un abrazo de dúas persoas.

O autor, Miguel Couto, é un artista coruñés de recoñecido prestixio e experiencia, que conta con máis dunha vintena de obras en diferentes espazos públicos de Abegondo, Porto do Son, A Coruña, Viveiro, Ares ou O Cebreiro.