Skip to main content
Lugo

O Concello presenta alegacións contra o trazado da Rolda Leste

Por 18 Abril, 2023Sin comentarios

“Rolda Leste si, pero non a calquera prezo”. Deste xeito a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sintetizou o posicionamento do Goberno local ao respecto do proxecto para construír a segunda fase da Rolda Leste presentado pola Axencia Galega de Infraestruturas.

A rexedora explicaba hoxe que o Concello de Lugo vén de presentar alegacións en contra do trazado proposto, baseándose nos informes solicitados ás áreas de Arquitectura, Arqueoloxía, Enxeñaría, Medio Ambiente e Topografía.

“Sen dúbida, e tal e como con coherencia vimos defendendo dende o primeiro momento, a Rolda Leste é unha dotación necesaria para o desenvolvemento e o crecemento da nosa cidade pero non pode ser que a súa creación supoña un prexuízo para a contorna, a paisaxe e a riqueza patrimonial e medioambiental dos e das lucenses”, sinalou.

Así, en primeiro termo, Lara Méndez destacou que, segundo reflicte o informe elaborado pola área de Enxeñaría, “as obras proxectadas refrendan que o peche desta Rolda sería moi beneficioso para toda a localidade, coa fin de ter unha alternativa para o tráfico dende a zona Norte/Leste da capital cara ao sur que permitirá, a medio e longo prazo, retirar tráficos de Fontiñas e da Estrada do Rato, posibilitando unha configuración destas vías máis acorde coa súa natureza urbana/residencial e de lecer vencellada, neste último caso, ao Parque do Rato”.

Mais a alcaldesa indicou, a continuación, que “tamén é certo que existen outros aspectos do proxecto que consideramos son mellorables e, por tanto, presentaremos unha batería de alegacións dirixidas a instar á Xunta a tramitar un novo procedemento de avaliación ambiental que teña en conta a normativa vixente” – especificamente a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental e a Lei 9/2018, do 5 de decembro pola que se modifica, entre outras, a referida Lei 21/2013.

“A Declaración de Impacto Ambiental presentada pola Xunta se basea nun proxecto do ano 2003 que non pode ser válida para esta actualización levada a cabo en 2022. Cómpre sometela de novo a un procedemento de avaliación adecuado que garanta a prevención dos impactos ambientais que as obras van xerar e que estableza, así mesmo, os mecanismos de corrección e/ou compensación que resulten máis eficaces, xa que a normativa actual non foi tida en conta no procedemento de 2003”, referiuMéndez.

Así mesmo, a rexedora puxo de manifesto que os informes técnicos solicitados advirten dunha modificación substancial do trazado da Rolda Leste con relación ao recollido no documento de 2003.

“Por un lado, se elimina o o ‘viaduto 1’ e o cruzamento do Rego da Saima se efectúa por medio de recheo. Cambios que implican un impacto diferente ao estudado e que deben ser analizados de novo”, relatou.

Logo da análise da cartografía, tanto do proxecto inicial do ano 2003 como da modificación que se pretende aprobar neste procedemento, os servizos municipais detectaron que esta non coincide co recollido no PXOM de Lugo na parte sur do trazado, aproximadamente entre o PK 4+500 e o PK 5+080 – xa que excede da zona de reserva viaria prevista no planeamento vixente. Unha circunstancia que supón outra evidencia máis da modificación substancial referida e da perda da vixencia da Declaración de Impacto Ambiental, especialmente porque este cambio debería levar consigo unha modificación puntual do PXOM.

Incide, á súa vez, a área de Arquitectura no feito de que o novo proxecto non realiza ningunha análise sobre a repercusión que a obra terá sobre o PEPRIM, o Plan Especial de Protección do Río Miño e, máis concretamente, sobre o Parque Periurbano da Fervedoira que, xunto ao Parque Fluvial do Miño, configuran o gran sistema de espazos libres da cidade de Lugo.

“Falamos dun gran ciruíto peonil – lúdico – deportivo da cidade que presenta unha importante deversidade ambiental con presenza de distintos usos e actividades, dende agrarias a recreativas e sobre o que, por tanto, é preciso realizar unha análise de como afecta o trazado da rolda á súa zonificación”.

Lara Méndez apuntou que “todas estas cuestións permiten concluír que o documento de actualización constitúe unha modificación substancial do proxecto orixinal e desvirtúa as esixencias, requisitos e indicacións incluídas na Declaración de Impacto Ambiental formulada no seu momento o que recomenda que sexa sometido a unha nova declaración, tendo en conta tamén que o proxecto podería non contar aínda con todos os permisos sectoriais necesarios e que se lle son exixibles”.

Para a mandataria lucense, logo dos estudos realizados ao texto presentado pola Xunta, quedan acreditados que existen unha serie de aspectos ou impactos do Proxecto da Rolda Leste sobre o Parque Periurbán do río Rato.

“As obras suporán importantes movementos de terra en localizacións que presentan unha calidade paisaxística alta, entre eles o bosque de frondosas para o que suporá perdas e a irrupción de elementos que provocarán unha considerable alteración da paisaxe. Este impacto revertería tamén, directa e indirectamente, na fauna, nos usos do solo con utilización recreativa e, por suposto, no patrimonio”, engadiu.

A este respecto, o informe presentado polo Servizo de Arqueoloxía menciona que a Vía Künning – que se atopa en proceso de ser recoñecida oficialmente como vía de peregranización – debía ser incluída no estudo para a avaliación de impactos. E que a traza da Vía Romana XIX – catalogada como camiño histórico/cultural – vese afectada directamente no tramo final do vial proxectado na súa conexión coa glorieta de ligazón coa Nacional Sexta na Avenida de Madrid, quedando interceptada neste punto polo novo vial, ocupando un tramo do trazado da vía romana de aproximadamente 100 metros de lonxitude o que obriga a adoptar as medidas correctoras que faciliten o seu paso por este punto.

“O proxecto de actualización da Rolda Leste precisa, por tanto, dun estudo moito maior para poder asegurar a súa inocuidade sobre a paisaxe, a fauna, a propia configuración do territorio e toda a riqueza medioambiental, histórica e patrimonial do municipio, tendo en conta as dimensións da obra que se proxecta”, sostivo a rexedora.

Lara Méndez anunciou, así mesmo, que o Concello aproveitará o seu escrito para facerlle chegar á Xunta outra consideración máis: a necesidade de completar o anel hídrico de abastecemento de auga.

“Trátase dunha cuestión que resulta fundamental, tanto para o desenvolvemento de rede de abastecemento ás parroquias do rural de Lugo, como para completar este anel coa súa conexión na zona sur da cidade, á altura da Avenida de Madrid, permitindo así a mellora do funcionamento de todo o sistema. Implicaría a execución dunha canalización de auga potable que continuase o anel ata a rotonda da Avenida de Madrid, así como o resto de elementos asociados (válvulas, arquetas, etc), xa que, de non proxectarse agora, logo será moito máis oneroso e complexo executalo”, avanzou.

Antes de finalizar, Lara Méndez volveu tender a man ao ente autonómico para consensuar e traballar conxuntamente na elaboración do proxecto, “tendo en conta as apreciacións técnicas realizadas polas diferentes Admininstracións, así como as achegas do tecido asociativo e de particulares, para deseñar un trazado que, cumprindo coa función tan importante que ten a Rolda Leste, teña o menor impacto ambiental posible para o territorio, unha das nosas maiores preocupacións”.

“Ninguén é alleo ao feito de que o Concello vén traballando na conservación e protección do Rato de forma permanente xunto a outros organismos como pode ser a Deputación Provincial, que agora mesmo está a mellorar a estrada do Rato, ou como a Confederación Hidrográfica coa que, alén de buscarlle unha solución ao Plan Paradai tamén abordaremos a rexeneración integral deste río”, concluíu a alcaldesa lucense.